O 18 de xullo, aniversario do Golpe de Franco, será o xuízo contra os militantes do BNG que ocuparon a casa Cornide

Ocupación simbólica da Casa de Cornide CC-BY-SA BNG

O 18 de xullo, 82 aniversario do Golpe de Estado co que se iniciaría en 1936 a ditadura de Francisco Franco, é a data elixida para a celebración do xuízo contra as nove persoas vinculadas ao BNG que o pasado 26 de setembro ocuparon de xeito simbólico a casa Cornide da Coruña, histórico edificio propiedade dos herdeiros do ditador, que os denunciaron. Este venres o BNG quixo amosar o seu apoio aos activistas e salientar que “a coincidencia da data fai aínda máis evidente a anomalía democrática e o esperpento que supón que, 40 anos despois da morte de Franco, siga a ser necesario loitar contra o franquismo, mentres os herdeiros do réxime que segou a vida de milleiros de galegos e galegas continúan a gozar dos bens roubados ao pobo galego e recibindo títulos nobiliarios por parte do Goberno do PP”.

“A coincidencia da data fai aínda máis evidente a anomalía democrática e o esperpento que supón que, 40 anos despois da morte de Franco, siga a ser necesario loitar contra o franquismo”, salienta a formación

A ocupación da casa Cornide da Coruña, propiedade dos Franco, produciuse un mes despois de que militantes do BNG ocupasen tamén de xeito simbólico o Pazo de Meirás. Nos dous casos os herdeiros dos Franco piden penas de cadea para os activistas, malia que os implicados nos actos salientan que foron protestas pacíficas nas que non se danou ningún ben e que duraron pouco tempo. No caso de Meirás, a Fundación Franco chegou a advertir dun "xusto castigo" aos militantes do BNG.

Este venres na Coruña o BNG quixo trasladar o seu “total apoio ás nove persoas denunciadas así como a súa solidariedade e orgullo polo seu imprescindible activismo”. “Co acto simbólico e pacífico na Casa de Cornide non fixeron outra cousa que defender a dignidade do pobo galego, a dignidade das vítimas da ditadura que aínda non recibiron xustiza, nin foron compensadas, nin a súa memoria restituída, e defender os valores máis elementais dunha democracia que se prece”, salienta a formación.

“Co acto simbólico e pacífico na Casa de Cornide non fixeron outra cousa que defender a dignidade do pobo galego, a dignidade das vítimas da ditadura que aínda non recibiron xustiza", di o BNG

O BNG confía en que esta nova denuncia “non teña percorrido algún e se resolva con prontitude e contundencia a favor destas 9 persoas que co seu acto reivindicativo asumen o papel que terían que ter feito o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia: Defender valores democráticos fundamentais que, neste caso, pasan por acabar coa ignominia de que o Franquismo sen Franco siga a campar as súas anchas, ocupando bens que son do pobo galego e recibindo honores nobiliarios”.

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.