O Apego polo galego na infancia chega xa á metade da poboación de Galicia

Representantes dos novos concellos incorporados ao proxecto Apego este venres en Nigrán Dominio Público Apego

As sete principais cidades e algúns dos concellos con maior poboación, ata un total de 30, forman xa parte do proxecto Apego para a socialización da infancia en Galego. Este venres Nigrán acolleu a incorporación súa e doutros seis municipios (Lugo, Vilagarcía, O Carballiño, Ponteareas, Sada e Cee), cos que o proxecto, tras o seu segundo ano de vida, suma xa 30 concellos nos que viven 1,3 millóns de galegos, a metade da poboación de Galicia.

Nigrán acolleu este venres un acto no que tamén se incorporaron Lugo, Vilagarcía, Cee, O Carballiño, Ponteareas e Sada, co que o proxecto suma xa 30 concellos nos que viven 1,3 millóns de galegos

No acto de Nigrán, alcaldes, concelleiros e técnicos municipais de normalización lingüística fixeron fincapé no interese da colaboración entre concellos para que a súa veciñanza poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma Apego “que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable”. E, de maneira especial, animaron ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.

O alcalde de Nigrán, o socialista Juan González, salientou a importancia de "promover desde o berce o emprego do galego"

O anfitrión do acto, o alcalde de Nigrán, o socialista Juan González, salientou o “compromiso político coa nosa lingua” do seu goberno e o seu interese por “promover desde o berce o emprego do galego, por iso seguiremos apostando por este tipo de iniciativas”. González tamén salientou que Nigrán conta tamén dende hai sete meses co primeiro servizo de normalización lingüística da súa historia. O acto deste venres incluíu un concerto de música infantil, “Letras e notas”, protagonizado por Magín Blanco, como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.

Xunto cos municipios incorporados este venres, de Apego xa formaban parte as outras seis cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra e Ferrol) así como os concellos da Baña, Ames, Carballo, Carnota, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ponteceso, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo e Vimianzo.

O polbo Po, mascota do proxecto Apego, no colo dun neno Dominio Público Apego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.