A Catedral de Santiago acolleu na tarde deste sábado un “acto de desagravio” convocado pola Igrexa tras a polémica creada co pregón do Entroido. Nel, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, realizou unha intervención duns nove minutos centrada en exclusiva en criticar as supostas ofensas pronunciadas unha semana antes contra o Apóstolo Santiago e a Virxe do Pilar das que un diario local non deu conta ata tres días despois citando a persoas presentes no acto.
O “acto de desagravio” convocado pola Igrexa tras a polémica creada co pregón do Entroido remata cun chamamento a “recuperar a centralidade da dimensión relixiosa na vida que é o que fai progresar integramente o home”
Na súa intervención, Barrio admitiu que “é verdade que estas ofensas non aminoran un ápice a gloria e a felicidade que os santos xa viven en Deus noso pai, pero nós [...] debemos sentirnos próximos e desagravialos”. O arcebispo dixo que nin o contexto do Entroido nin a liberdade de expresión podían xustificar unhas ofensas que non concretou e engadiu que as “correntes laicistas xeran cristianofobia”. “Quero chamar a recuperar a centralidade da dimensión relixiosa na vida que é o que fai progresar integramente o home”, engadiu Barrio, para rematar cunha cita dicindo que “Xesús desde a cruz diría 'pai, perdóaos, porque non saben o que fan, ou talvez si, pero equivocados'”.
O acto contou coa presenza de numerosas cámaras así como do portavoz municipal do PP, Agustín Hernández, e Paula Prado, membro da cúpula dos populares galegos
No “acto de desagravio” estivo presente, de pé xunto ás primeiras filas de bancos da nave central da Catedral, o portavoz municipal do PP, Agustín Hernández. Tamén se puido ver no templo á viceportavoz do grupo popular no Parlamento de Galicia, a tamén santiaguesa Paula Prado, membro do comité de dirección do PP galego.