O berro de "Queremos tren" uniu en Betanzos á Coruña, Ferrol e Ribadeo

Concentración en Betanzos en demanda do tren de proximidade © Plataforma pola Defensa do Tren

A Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas organizou este domingo unha viaxe reivindicativa para denunciar a situación da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Dous grupos de persoas partiron das dúas cidades, para acabar confluíndo en Betanzos. Alertouse ademais sobre a situación doutras liñas do norte de Galicia (a que une Ferrol e Ribadeo e a que vai da Coruña a Lugo), que están tamén afectadas polo recorte de frecuencias e estacións.

Alertouse ademais sobre a situación doutras liñas do norte de Galicia (a que une Ferrol e Ribadeo e a que vai da Coruña a Lugo), que están tamén afectadas polo recorte de servizos

O tren A Coruña-Ferrol perdeu un 43% de viaxeiros dende o recorte de servizos de 2013. Naquel ano 2013 suprimíronse un total de 20 trens semanais entre Ferrol e A Coruña, pechándose os apeadeiros de Franza (Fene) e Paderne, mentres que Neda, Barallobre, Cecebre e Cambre ficaban limitados a un só servizo diario.

Ao acto acudiron os alcaldes da Coruña e Ferrol, que viaxaron no tren xunto coas persoas integrantes da Plataforma. A entidade cualificou como "positiva" a mobilización deste domingo, xa que “é un xeito de 
dar a coñecer a situación do ferrocarril e a utilidade que tería para mellorar a mobilidade en todo o 
territorio”. 

"Estamos nunha comarca saturada de coches, con máis de 200.000 vehículos que entran ao día na Coruña", denunciaron

O colectivo destaca ademais que "moita xente en Betanzos que descoñecía a convocatoria da mobilización apostou por sumarse a esta en canto foron informados de que a manifestación era para reclamar a mellora da liña". Durante a lectura do manifesto, que tivo lugar na Praza dos Irmáns García Naveira, a Plataforma aproveitou para convocar á vindeira mobilización, que terá lugar en Ferrol en abril de 2019.

O manifesto comezou destacando que "tardamos 40 minutos para facer 30 km nun dos cinco trens que hai ao día entre Coruña e Ferrol, un número ridículo se temos en conta que estamos nunha comarca saturada de coches, con máis de 200.000 vehículos que entran ao día na Coruña" e subliñando que cada ano se producen "12 millóns de desprazamentos en automóbil privado entre A Coruña e Ferrol, o 96% dos desprazamentos entre as dúas cidades".

Algúns e algunhas das participantes na viaxe reivindicativa, este domingo © Plataforma pola Defensa do Tren

A plataforma sinalou, así mesmo, que se se está a desaproveitar a oportunidade de "implantar unha rede de cercanías que permitiría aforrar milleiros de desprazamentos diarios por estrada, con paradas en lugares tan importantes como o CHUAC, os polígonos de Pocomaco e Agrela, o centro da Coruña e todas as vilas ata Ribadeo ou a Lugo".

"Non estamos pedindo alta velocidade, estamos pedindo un ferrocarril convencional, moderno e electrificado. E non pararemos ata conseguilo"

Galicia é a única comunidade autónoma costeira que carece de tren de proximidade. A Plataforma en Defensa do Tren leva anos demandando o aproveitamento da actual infraestrutura construída, que cun pequeno investimento (de pouco máis de 1 millón de euros anuais) permitirían poñer en marcha unha verdadeira rede de tren de proximidade.

"Estamos perdendo un medio único para o transporte de mercadorías, como fan noutros países europeos como Alemaña ou Francia. Un transporte de mercadorías que pode comunicar os portos exteriores co resto de Europa por tren, co que podería supor iso na redución de emisóns a atmósfera", engadiron. O manifesto concluíu subliñando que "non estamos pedindo alta velocidade nin tren bala xaponés, estamos pedindo un ferrocarril convencional, moderno e electrificado. E non pararemos ata conseguilo".

Outra imaxe da viaxe reivindicativa © Plataforma en Defensa do Tren

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.