O bispado de Ourense, patronal durante 80 horas á semana

O traballador (de costas), con responsables sindicais da CIG CC-BY-NC-SA CIG

Oitenta horas á semana polo prezo de corenta. A pasada semana este diario recollía o que lle acontecera a Manuel -nome figurado-, un home que chegou a Galicia dende El Salvador e atopou traballo como conserxe na casa sacerdotal de Ourense, residencia de cregos anciáns dependente do bispado. O traballador "sabía moi pouco" da lexislación laboral española e, por iso, estivo durante máis de catro anos realizando xornadas laborais de arredor de catorce horas diarias, unhas oitenta á semana. Cando dende o seu entorno o advertiron de que estaba a ser vítima dunha inxustiza comezaron as hostilidades cos seus patróns ata que, finalmente, foi despedido por, asegura, esixir dereitos laborais. Pero, en que consistía ese traballo?

Segundo vén de amosar a CIG, central sindical que está a apoiar a Manuel no seu proceso xudicial contra o bispado, esta maratoniana xornada laboral comezaba cada día pouco despois das sete e media da mañá, momento en que, como lle relatara a este diario, tiña que "recoller o pan, partilo e servilo no comedor", ademais de "ventilar" o salón. Acto seguido era o momento de "recoller os colectores, buscar os xornais e ordenar o salón. Ás nove xa tiña que estar "fixo na portaría, para abrirlles aos que chegan".

Unha hora máis tarde, ás 10, o labor de Manuel consistía en "limpar a portaría, distribuír o correo, buscar medicinas...", todo isto mentres permanecía "pendente da portaría e do teléfono". "Non deixar a portaría en ningún momento se encargarlla a alguén", especificaba o documento. O traballador podía realizar estes cometidos ata as dúas da tarde con excepción dos martes, cando dende as once e media tiña que "limpar o comedor, repoñer vinagre e aceite" e "poñer as mesas".

Cando foi despedido, os responsables relixiosos aseguráronlle que "se fixo" esas xornadas "foi porque quixo", asegura

Malia ser oficialmente un conserxe, os labores hostaleiros tampouco lle eran alleos. Ás dúas e cuarto correspondíalle "abrir as botellas e axudar e servir e recoller" o xantar e ás 3, "atender a cafetaría". Tras un breve "descanso", ás catro e media tiña que volver ao traballo para centrarse en labores de limpeza: os luns, "corredores e escaleira; os martes, "limpeza xeral do salón"; os mércores, a capela; os xoves, de novo "corredores e escaleira" e os venres, "cristais do corredor do colector e saía ao patio". Isto sucedía ata as nove, cando tiña que "sacar colectores e poñer medicamentos" e ás nove e media, "servir a cea e poñer as cousas para o almorzo do día seguinte". Ás dez e media aínda había que "poñer o comedor".

Esta detallada táboa de tarefas especificaba ademais cando o traballador podía almorzar, xantar e cear, e advertía de que era tamén a súa responsabilidade "estar pendente" dun dos residentes cando "non está" o seu coidador habitual, ademais de "estar dispoñible para os servizos e atencións que precisen os residentes". Sobre el pesaban, ao tempo, as prohibicións de "estar na cociña", "chatear nas horas de trabalo" e ter "visitas espirituais". Durante esa media década Manuel asegura que se sentiu "como un escravo". Cando foi despedido os responsables da casa indicáronlle que "se fixen" semellante cantidade de horas "foi porque quixen", asegura.

O traballador (de costas), con responsables sindicais da CIG CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.