O BNG pide eliminar o franquismo do rueiro de Sarria

Rúa Padre Severino Vega Cid © Google Maps

Hai xa case unha década que o pleno do Concello de Sarria aprobou cumprir coa Lei de Memoria Histórica. que obriga a retirar da odonimia as denominacións que exalten a ditadura franquista ou a persoeiros ligados a ela. Naquela lexislatura 2007-11 mesmo chegara a formarse unha comisión de expertos que supervisaría o proceso e a través de Internet abriuse unha consulta popular, na que os veciños e veciñas da vila podían votar polas novas denominacións que as rúas afectadas polos cambios pasarían a ter. Porén, a lexislatura municipal rematou sen que o mandato do pleno se fixese efectivo. O mesmo sucedeu na lexislatura seguinte e é por iso que Sarria segue a contar cunha Rúa José Antonio, unha Rúa Calvo Sotelo ou un indicador con xugo e frechas na Rúa Padre Severino Vega Cid.

Isto podería cambiar nas vindeiras semanas se ten éxito a moción que o BNG presentará no vindeiro pleno, na que pedirá o cumprimento da lei e das mocións xa aprobadas, mudando o nome destas rúas, a eliminación da simboloxía franquista e, ademais, a celebración ao longo de 2017 de actividades relacionadas coa memoria histórica e a represión da ditadura.

O BNG propón, en concreto, que a Rúa José Antonio pase a chamarse Rúa Irmandades da Fala, precisamente neste ano 2016 nas que se lles rendeu homenaxe. A Rúa Calvo Sotelo, pola súa banda, sería denominada Rúa da Liberdade, seguindo a proposta xa realizada hai anos pola Comisión de Expertos creada para estudar estas modificacións. Os responsables do Bloque a nivel local aclaran, en todo caso, que as propostas de novos nomes non están pechadas e que están abertas á negociación na procura dun consenso.

 

Rúa Padre Severino Vega Cid © Google Maps
Rúa José Antonio © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.