O cancro non é de cor de rosa

Un momento da curtametraxe 'Ir a ningún sitio' Dominio Público Mario Iglesias

Vigo acolleu este xoves a estrea da curtametraxe Ir a ningún sitio, do director Mario Iglesias e protagonizada pola actriz María Salgueiro, no marco da campaña A vida non segue igual, a prol dun cambio lexislativo que ampare as persoas que sofren esta enfermidade, no momento en que a doenza lles impide traballar. A estrea chega poucos días antes da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama, este vindeiro luns 19 de outubro.

A estrea chega poucos días antes da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama, este vindeiro luns 19 de outubro

A campaña, promovida pola viguesa Beatriz Figueroa, nace da situación que sofren miles de enfermos e enfermas, que reciben a negativa das institucións a recoñecerlles a súa situación de incapacidade, a pesar de que o cancro os limita de tal modo que son xa incapaces de continuar a súa actividade laboral.

Figueroa impulsa unha recollida de sinaturas, que suma xa máis de medio millón de apoios, para cambiar a lei que regula a Seguridade Social de xeito que se protexa economicamente os enfermos de cancro. "O cancro moitas veces imposibilítanos para exercer a nosa profesión durante un longo período de recuperación", sinala. "Cando se esgota o período máximo de incapacidade temporal, e che denegan de oficio a pensión de incapacidade, non estando restablecidos da nosa doenza, vémonos abocados ao desemprego cobrando un subsidio de 426 euros no mellor dos casos, pagando tamén o 40% das medicinas", explica.

Beatriz Figueroa viu recoñecida hai dez meses a súa incapacidade permanente (viu aumentados os seus ingresos nuns 120 euros ao acadar unha pensión do 55% da súa base regulativa dos últimos anos nos que traballou), pero segue loitando por outras persoas na súa situación. O pasado mes de outubro o PP rexeitou no Congreso a toma en consideración dunha proposición de lei do BNG que reclamaba o recoñecemento da incapacidade permanente, unha vez esgotado o prazo máximo de duración da incapacidade temporal, a toda persoa que fose diagnosticada dun carcinoma.

"Empecei con isto porque a situación non tiña moito sentido; mentres unha administración intentaba salvarme a vida, a outra privábame dos medios suficientes para sobrevivir; parecíame unha ironía terrible", destacaba Beatriz Figueroa en entrevista con Praza Pública hai uns meses.

Un momento da curtametraxe 'Ir a ningún sitio' Dominio Público Mario Iglesias
Beatriz Figueroa, ante o xulgado en Vigo Dominio Público @CIGVigo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.