O cerco agarda por unha repartición xusta un ano despois: "Seguimos igual"

Pancarta que reclama o reparto das cotas de xurelo e xarda CC-BY-SA Praza Pública

Hai agora un ano, a acampada de mariñeiros do cerco que levaba case tres meses diante de San Caetano decidía poñer fin á protesta. A frota volvería faenar tras un custoso paro, advertindo de máis mobilizacións logo de que o Goberno central confirmase que non modificaba o sistema de repartición de cotas contra o que levaban semanas manifestándose. Malia a "pequena vitoria" que supuxo arrincarlle á Xunta un tope mínimo de capturas para os barcos máis pequenos, a inmensa maioría do sector continúa insatisfeito. Hai algo máis de cantidade a pescar pero a distribución continúa a ser moi desigual segundo a embarcación. Doce meses despois, os problemas continúan. "Seguimos igual", din. 

"Seguimos igual", lamenta a frota maioritaria do cerco un ano despois da volta ao mar tras tres meses de acampada

A última repartición da UE tampouco deixou moi satisfeito a un sector que acumula anos en precario. Acerga (Asociación de armadores de cerco de Galicia), o colectivo maioritario, insiste en reclamar unha repartición liñal, por barco e tripulante e que non tome as capturas históricas como o principal criterio. Ese sistema implantado en 2013 prexudica sobre todo a familias novas con embarcacións pequenas fronte a outros buques máis grandes e con rexistros antigos maiores, moitos vinculados á outra asociación do país, Cerqueiros Galegos, que xunta uns vinte barcos fronte aos máis de 120 de Acerga. "Continúa a haber barcos con 10.000 quilos e outros con 300.000", denuncian desde o colectivo. 

"Mobilizámonos, paramos tres meses e perdemos moreas de cartos. Gañouse en cota, pero acabaron beneficiándose, sobre todo, os que non viñan ás acampadas e seguían no mar ríndose mentres outros loitabamos. tiñan porcentaxes máis grandes mentres os pequenos non solucionamos case nada", reflexiona Juan José Blanco, presidente de Acerga, que advirte que "ter 10.000 quilos de cota é case como non ter nada". 

"Paramos tres meses e perdemos cartos; gañouse en cota pero os máis beneficiados foron os que non acamparon e seguían no mar"

Os barcos agrupados en Acerga xestionan a través da asociación as cotas conxuntamente, conseguiron o ano pasado un aumento da que tiñan asignada inicialmente e beneficiáronse desa mínima de 10.000 quilos de xurelo que van aumentando segundo as toneladas de arqueo. Pero son solucións insuficientes, un "parche" a un problema que vai moito máis aló. Os barcos comparten a cota, uns compañeiros ceden a outros e todos vana estirando. É a forma que teñen de ir sobrevivindo. "Os que máis temos cedemos aos que menos teñen mentres seguimos agardando por decisións que nos permitan avanzar", insiste Blanco, que asegura que, de non ser pola colaboración na asociación, "moitísima frota non podería faenar nin quince días ao ano". 

Acerga advirte que de non ser pola xestión conxunta de cotas e a colaboración, "moita frota non podería faenar nin quince días"

"Quitoúselle a unha frota para darlle a outra e nunca se ten en conta que os barcos grandes que levan anos sempre van ter un rexistro histórico e máis cota que os rapaces novos que están a empezar e mercan unha embarcación pequena; non é xusto", insiste o presidente de Acerga, que se reunirá co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para facer balance do ano pasado e para insistirlle na "necesidade dun cambio no sistema de repartición e na busca doutra forma". No pasado o Executivo renegaba das mudanzas por estar en funcións e valorar o bo funcionamento do sistema. Agora, cun goberno xa consolidado, as expectativas non son mellores. 

Acerga pide unha mesa de negociación e que, antes de nada, se reparta a cota que lle sobra a outros barcos

Ademais, desde Acerga reivindicarán que aqueles barcos que non consuman a súa cota a cedan, como ocorre noutras comunidades autónomas pero non en Galicia. "A quen lle sobra, que reparta e vaia pasando a outras embarcacións para que poidan saír pescar", di Blanco, que reclamará tamén ao Ministerio unha "mesa de traballo" na que intentar poñer arranxo a toda a problemática. Ao tempo, lembra a batalla xudicial e os atrancos que as vitorias nos tribunais atopan logo no Executivo. "Cada vez que gañamos un recurso e o Goberno perde, liquida a lei, faille unha fotocopia con pequenos cambios e temos que volver recorrer", explica. 

A frota non descarta mobilizacións pero apela primeiramente ao diálogo e á presión, consciente dos importantes custos que as protestas do ano pasado supuxeron, sobre todo no económico. No fondo, a precaria situación de máis dun cento de barcos artesanais do cerco dos que dependen, segundo Acerga, uns 1.400 postos de traballo directos e uns 5.000 indirectos en todo o país. Un ano despois dunha longa acampada, de peches e manifestacións, a repartición xusta aínda non é tal. 

Mariñeiros do cerco, antes de pecharse no Concello © Eu apoio o cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.