O científico que avalía o impacto de Corcoesto nas augas defende a mina na UE

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

O director dun estudo que a multinacional Edgewater encargou para comprobar a afección que sobre as augas da zona terá a mina a ceo aberto defende o polémico proxecto xunto a compañía e o lobby Euromines na UE. Mineira de Corcoesto, filial da compañía canadense, contactou coa Universidade da Coruña hai dous meses para a realización dun informe das augas afectas á infraestrutura mineira e elaborar unha analítica dos procesos que condicionan a calidade dos mananciais, fontes, ríos ou regatos achegados. Dous meses despois, o responsable do devandito estudo viaxou coa empresa a Bruxelas para defender a viabilidade e interese socioeconómico dun proxecto rexeitado por boa parte da sociedade e unha morea de colectivos sociais, políticos ou ecoloxistas.

Un dos autores do estudo que analiza a afectación das augas en Corcoesto defende o proxecto xunto ao 'lobby' mineiro ante a UE

O convenio asinado a finais de marzo entre Mineira de Corcoesto e a Fundación UdC implica a realización dun informe sobre o actual estado da hidroquímica, tanto das augas superficiais como subterráneas, e debe ser elaborado por un equipo de investigadores do Grupo de Enxeñaría de Auga e do Medio Ambiente, ao que pertence Jordi Delgado Martín, catedrático de Enxeñaría do Terreo, un dos profesores universitarios que esta mesma semana acudiu a Bruxelas para defender o proxecto mineiro na Eurocámara, segundo puido saber Praza e segundo denuncia tamén a plataforma Salvemos Cabana.

Con este informe, que se presume independente, Mineira de Corcoesto pretende dar resposta a algunhas das cuestións da polémica declaración de impacto ambiental, como o dos elementos que están presentes nas augas subterráneas e que son susceptibles de modificar a calidade da auga destinado ao consumo humano.

O informe céntrase nos niveis de arsénico da auga e pretende contrarrestar os riscos dos que advirte o CSIC

Precisamente, o informe debe centrarse nos niveis de arsénico e se a súa aparición está relacionada coas actividades humanas, tal e como denunciou o CSIC e a Sociedade Galega de Historia Natural ao lembrar nun estudo a afectación sobre o río Anllóns da antiga mina de ouro de Corcoesto e advertir dos riscos que suporía o proxecto que xa está en marcha.

Jordi Delgado, un dos membros do grupo de investigación encargado deste estudo, estivo en Bruxelas e formou parte da comitiva que viaxou ao Parlamento Europeo para defender o proxecto mineiro xunto co lobby Euromines. Xunto a el, Lluís Boixet, xerente de Mineira de Corcoesto-Edgewater; Francisco Ruiz, responsable da área ambiental do proxecto de Corcoesto; José Muiño, alcalde de Cabana; e Jordi Taboada, da Escola de Minas da Universidade de Vigo.

"É totalmente inaceptable que o director dun estudo promovido como independente por parte de Edgewater poida ser parte interesada nunhas roldas de contactos ao máis alto nivel nas que se están a defender o proxecto sen paliativos inhabilitando de xeito total a neutralidade", denuncia a plataforma Salvemos Cabana,que volve advertir de que a mina a ceo aberto "non é en absoluto compatible entre outras normas a nivel europeo como a Directiva Marco da Auga".

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.