O Colexio de Xornalistas condena as "trabas policiais" á prensa na manifestación do 'Escárnio e Maldizer'

Xornalistas realizando o seu traballo durante a manifestación CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de denunciar os “impedimentos” ao labor das e dos informadores por parte dos corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación en contra do desaloxo do Escárnio e Maldizer realizada o pasado sábado en Santiago de Compostela. O Colexio sinala que tivo coñecemento de “numerosas trabas á información”, explicando que “se ben ao longo da marcha os e as xornalistas puideron realizar con normalidade o seu traballo”, no momento no que os corpos de seguridade entraron a desaloxar as persoas que ocuparan o patio do antigo Colexio Peleteiro “obrigouse a todos os profesionais da comunicación a situarse por tras do cordón policial, nunha posición na que dificilmente podían informar sobre uns feitos que se estaban a producir a case cen metros de distancia e nun espazo non visible desde o punto no que se encontraban”.

Segundo a denuncia presentada ante o Colexio, un destes supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse, tentou mesmo arrebatarlle a cámara á xornalista

Unha xornalista colexiada denuncia que de xeito continuo os axentes lles reclamaron ás e aos profesionais da información que se “identificasen”. Esta solicitude de identificación mesmo era realizada por presuntos axentes que vestían de paisano e que non presentaban ningún tipo de credencial. Segundo a denuncia presentada ante o Colexio, un destes supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse, tentou mesmo arrebatarlle a cámara á informadora. Ademais destes feitos, o Colexio de Xornalistas tivo noticia doutras accións contra o labor das e dos xornalistas que cubrían a manifestacións, como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografar policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico.
 
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas sinala que xa lles trasladou ás autoridades o seu “malestar e preocupación” por estes feitos e pide consensuar un protocolo de actuacións que permita que o traballo dos e das comunicadoras se realice con total garantía e liberdade durante calquera tipo de dispositivo policial. O Colexio xa criticou no pasado os efectos da Lei Mordaza polas súas trabas á liberdade de prensa. Lembra que a Constitución outorga a toda a cidadanía o dereito fundamental a comunicar información veraz e que non é necesario ningún tipo de identificación para exercer a profesión, algo que decote esquecen ou semellan ignorar os axentes policiais, pois o uso do chaleco é un acordo entre o Ministerio do Interior e certas asociacións privadas que non obriga a toda a profesión.

 

"Profesionais da manifestación", segundo Santiago Villanueva

Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia, estivo esta mañá nos Almorzos da Radio Galega onde defendeu a actuación policial do pasado sábado. Villanueva asegurou que na marcha "había profesionais da manifestación". "Das 700 persoas aproximadamente que participaron na manifestación, máis de 200 viñan de fóra de Galicia", dixo, engadindo que "os materiais dos que se incautou a Policía Nacional no momento da manifestación, pero sobre todo antes da manifestación, eran de xente profesional. Non era un rapaz que acode a unha manifestación por empatía".

Villanueva asegurou que na marcha "había profesionais da manifestación". "Das 700 persoas aproximadamente que participaron na manifestación, máis de 200 viñan de fóra de Galicia", dixo

Afirmou que "os obxectos que levaban eran falsas pancartas; en realidade eran escudos preparados. Levaban un pau grande con arestas certamente cortantes a modo de sostén. E logo esa pancarta convertíase nun escudo de protección. Era un traballo realmente ben realizado que require unha preparación, unha organización. E esa xente que fixo ese escudo desde logo non é a primeira vez que o fai". Villanueva tamén subliñou que no momento de realizar o desaloxo e posterior tapiado do edificio histórico, a Policía limitouse "a cumprir o mandato xudicial" 

Xornalistas realizando o seu traballo durante a manifestación CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Xornalista do Novas de Galiza cubrindo a manifestación CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Santiago Villanueva, delegado do Goberno, esta mañá na Radio Galega © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.