O Colexio de Xornalistas insta o Sergas a recuar na instauración da "censura previa"

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

"Censura previa". É o que, a xuízo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) supón a orde de réxime interno ditada pola xerente de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de Ourense, Eloína Núñez. Dende o pasado 22 de xaneiro as persoas titulares das xefaturas de servizo dos hospitais teñen a obriga de comunicarlle a todo o seu persoal que xa non son libres de falar cos medios de comunicación se estes así llo solicitan. Non se os dirixentes do organismo público non o considera oportuno.

Nomeadamente, explica o CPXG, "nesa orde prohíbeselle ao persoal" da área sanitaria "atender as demandas informativas por parte dos medios de comunicación sen contar coa debida autorización da dirección cando a responsta a estas sexan en horario laboral ou obriguen a ausentarse do posto de traballo". Pero esta instrución, que podía semellar unha vía para controlar o absentismo, complétase con outra: tampouco haberá declaración posible "cando se efectúe fóra do centro e do horario laboral pero implique a difusión de información, resultados ou proxectos vinculados aos centros do Sergas". Neste caso, segundo a xerente, "por deferencia institucional" terán que remitir a petición "ao servizo de comunicación ou á dirección de área correspondente".

A xerente ourensá do Sergas esixe que o persoal pida autorización antes de falar cos medios, tanto en horario laboral como fóra del

Neste contexto, a Xunta de Goberno do CPXG lémbralle ao Sergas "que o exterior dos centros sanitarios, como o de calquera edificio, é de uso libre para calquera medio gráfico". No seu interior, subliñan, "os xornalistas non gráficos poden entrar a todos os espazos comúns e de libre acceso". Por outra banda, evidencia, a actividade das traballadoras e traballadores "no seu horario laboral, os usos que fagan dos seus tempos de descanso e, no seu caso, dos equipamentos e horarios sindicais, están regulados nos respectivos convenios e no Estatuto dos Traballadores".

"Fóra do ámbito físico e temporal de traballo" a xerente ourensá do Sergas non ten que "botar man de máis lexislación que da Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou da Constitución, que establece a liberdade de expresión para todas as persoas para pronunciárense sobre toda canta cuestión consideren, teña relación ou non con proxectos do seu empregador" e "sen ter que comunicarllo nin previa nin posteriormente a instancia ou organismo da empresa ou da Administración". O único "límite" é "o da veracidade cando se trate de informacións, non de opinións".

Por todo isto, o Colexio Profesional de Xornalistas, en tanto que organismo de dereito público "que representa legalmente a toda a profesión por decisión unánime do Parlamento", considera que a orde da Eloína Núñez "infrinxe o artigo 20.1 da Constitución, ao tentar limitar o dereito á liberdade de expresión e a comunicar e recibir libremente información veraz, e solicita á Xerencia da Xestión Integrada do Sergas en Ourense a súa retirada".

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.