O Concello da Coruña subvencionará indirectamente a feira taurina

O Coliseo, nunha das touradas da feira © artetoreo

Finalmente o Concello da Coruña si subvencionará a celebración da feira taurina, aínda que sexa indirectamente. Hai un mes o Goberno municipal anunciou que deixaría de achegar a subvención directa de 130 mil euros que todos os anos lles entregaba aos organizadores das touradas, porén, durante semanas os responsables do Partido Popular na cidade negáronse a aclarar se se se sacaría a concurso a concesión da feira ou se se seguiría cedendo de balde o recinto do Coliseo. O Instituto Municipal Coruña Espectáculos vén de aprobar o concurso, licitado polo Concello, polo que un ano máis se celebrará, a finais de xullo ou comezos de agosto, a feira taurina da Coruña.

Iso se hai candidatos a organizalo. E é probable que os haxa, tendo en conta as vantaxes ofrecidas polo Concello, que no prego de condicións comprométese "a instalar e engalanar a praza, e ao acondicionamento de patio de cabalos, calexón e toriles para a celebración dos festexos" e contratar areeiros e carpinteiros. Isto, unido á cesión gratuíta do espazo (os organizadores non estarán obrigados a pagar as taxas do Coliseo, que si se cobran en calquera outro espectáculo, por exemplo en concertos) e a outras prebendas ofrecidas polo Concello (que cederá a banda municipal de música) supoñen unha subvención indirecta de 79 mil euros, segundo cálculos de Galicia, mellor sen touradas. Os organizadores da feira, que constará de tres touradas, terán que pagar un canon, iso si, pero unicamente de 2.500 euros, moi inferior aos custes xerados.

Galicia, mellor sen touradas non descarta convocar mobilizacións na rúa en xullo e agosto, cando a feira estea próxima.

Galicia, mellor sen touradas continúa coas accións que xa tiña previstas para conseguir que o Concello deixe de empregar cartos públicos para subvencionar os espectáculos taurinos. Despois de entregar 20 mil sinaturas, a plataforma pide que se realice un referendo "para que a cidadanía da Coruña decida se quere que cos seus cartos se subvencionen as touradas, de forma directa ou indirecta". Un referendo deste tipo custaría 40 mil euros, "un gasto moi inferior aos cartos que o Concello achega para as touradas" e ademais a plataforma comprometeuse a buscar financiamento privado para organizalo, doando eses cartos ao Concello. Ademais, non descarta convocar mobilizacións na rúa en xullo e agosto, cando a feira estea próxima.

O Coliseo, nunha das touradas da feira © artetoreo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.