O conflito lácteo entra en campaña. Logo dunha semana de "concienciación" e reparto de información ás portas das grandes áreas comerciais, a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego decidiu endurecer as protestas ante a falta de avances dun acordo lácteo "fracasado" e no que ningunha das partes está a cumprir o asinado.
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo intensifica as protestas ante as áreas comerciais
Tres meses despois das grandes protestas, os gandeiros volverán á rúa. A Plataforma decidiu intensificar as protestas esta semana nas portas das grandes áreas comerciais, primeiro nas da Coruña este vindeiro xoves 10, para logo ir cambiando de localidade. Ademais, tampouco desbota sacar os tractores á rúa pero antes comprobará en cada comarca a disponibilidade do sector.
Nese mesmo xoves 10, en Lugo, os tractores si sairán das explotacións para rodear de novo a Muralla. Convocados por Agro Muralla, o colectivo xurdido das protestas na capital lucense á marxe da Plataforma, alertarán sobre a precaria situación das granxas galegas, que seguen a cobrar baixos prezos polo leite malia o incremento do importe nos supermercados. Uns e outros farano en plena campaña electoral para chamar a atención dunha crise que non remata. Todo, malia un acordo lácteo ao abeiro do Ministerio de Agricultura que nin se cumpre nin dá resultados.
Os gandeiros de Lugo, á marxe da Plataforma, rodearán a Muralla desde o día 10 e de maneira indefinida
Galicia é o único territorio que cobra menos de 30 céntimos por litro de media, unha cifra seis céntimos menos á que perciben as explotacións andaluzas. E as subas do importe de entre 3 e 5 céntimos por cartón nos supermercados só a notan os consumidores porque, tal e como lembra o sector, "non repercute nos gandeiros". A situación non cambia e a ausencia dun réxime sancionador nun acordo lácteo baseado na boa vontade provocou o que advertiran SLG e UUAA, que decidiran non asinar o pacto. Nin a distribución nin a industria garanten prezos dignos para os gandeiros e a Plataforma vén de decidir que, cando menos, intentarán acadar un compromiso dos catro principais partidos para que fagan cumprir o acordo na vindeira lexislatura.
"Non estou seguro de que estean incumprindo nada, o que ocorre é que non hai mecanismos legais que obriguen a industria e distribución a nada, nin se fixou cales son as marxes para garantir prezos dignos", lembran desde o SLG, membro dunha Plataforma en Defensa do Lácteo onde non se descarta mobilizar os tractores en plena campaña. Sexa como for, as protestas nos mesmos días nos que os partidos piden o voto teñen a intención tamén de presionar os grandes partidos para que "garantan o cumprimento do acordo lácteo" agora que cambia o goberno.
Agro Muralla xa advertiu que a concentración de tractores prevista para o vindeiro xoves 10 de decembro arredor do monumento non abandonará a Ronda nese mesmo día, senón que se manterá de maneira indefinida ata que reciban explicacións por parte da distribución sobre o incumprimento do acordo lácteo. Desde a Plataforma, advirten que as súas protestas "deberán manterse no tempo ata que se acade unha solución".
Tejerina ve "moito mellor" e "máis práctico" que os gandeiros "centren os seus esforzos en propostas e non en tractoradas"
As protestas en Lugo non se limitarán só ao estacionamento dos tractores na Ronda da Muralla, senón que os gandeiros tamén acudirán a algunha cadea de distribución, aínda que a intención non é, en principio, o seu bloqueo, senón acadar información sobre por que se incrementa o importe do leite nos lineais pero is non repercute nos produtores.
Mentres, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, participa nestes días en Galicia en varios mitins do PP e asegura que sería "moito mellor" e "máis práctico" para o "futuro" do sector lácteo "que centre os seus esforzos en boas propostas" para tratar de incrementar o prezo en lugar de facer tractoradas.