"A desaparición dos medios públicos pon en risco o pluralismo e a diversidade" e os Estados membros deben "reiterar o seu firme compromiso para apoiar, crear, e defender a independencia organizacional dos medios de comunicación públicos ou calquera outra plataforma relevante". Así remata unha declaración oficial do Consello Europeo, asinada o pasado 15 de febreiro, que reclama non só o mantemento dos medios públicos de comunicación, senón a súa despolitización para preservar a súa independencia e calidade. A resolución lembra que "a importancia deste apoio institucional non foi sempre relevante" para algúns xestores públicos.
"Os medios públicos xogan un rol vital no apoio a obxectivos non comerciais de progreso social"
O texto da resolución remata con catro puntos a modo de conclusión que se basean, en todo caso, nun relatorio de exposicións e motivos que sustentan, a ollos do organismo europeo, esta firme aposta polos medios de comunicación de carácter público. Para o Consello os mass media públicos teñen "o deber de promover os valores da democracia e a diversidade con e a través dos seus contidos". Como diferencia fundamental coas compañías privadas, o CE remarca que "os medios públicos xogan un rol vital no apoio a obxectivos non comerciais de progreso social, interese público e a capacidade de compromiso cos procesos democráticos, a igualdade de xénero e a integración social e intercultural".
Para garantizar que estes aspectos se teñan en conta en cada un dos Estados, o Consello obriga aos mesmos a iniciar un proceso de diálogo con todos os actores vinculados directa e indirectamente cos medios de comunicación públicos, entre os que están tanto as formacións políticas como a sociedade.
Fundamentos da declaración
"A liberdade de expresión e uns medios libres e plurais son indispensables para unha democracia xenuína", comeza o documento. O CE considera que os medios son a "ferramenta máis importante" para a liberdade de expresión na esfera pública xa que permite á xente exercer o dereito de recibir información. "Nunha sociedade democrática a poboación debería ser capaz de comprender, contribuir e participar dos procesos de decisión que lle competen", engade o Consello. É aí onde os medios públicos, ao seu entender, "xogan un papel fundamental" como garantes deste "dereito". "O acceso universal a novas imparciais e a contidos de alta calidade" conflúen coa "necesidade dunha ampla variedade" de audiencias.
Os medios públicos "deberían estar sometidos a un constante escrutinio público"
Así as cousas, o Consello Europeo culmina a declaración cun chamado á preservación dos medios públicos, que "deberían estar sometidos a un constante escrutinio público". Tamén esixe que sexan "transparentes", en tanto "teñen a obriga de servir á cidadanía e á súa diversidade, incluíndo ás minorías que non teñen o respaldo do mercado comercial".