O ecoloxismo galego denuncia a inacción da Xunta ante a caza ilegal da rula

Un exemplar de rula CC-BY-SA Juan Emilio

A rula común é unha especie ameazada que nos últimos viu descender a súa poboación en Galicia e no resto da Península Ibérica, unha situación empeorada polo mantemento da súa caza. Por este motivo, no 2019 a Unión Europea iniciou un proceso de infracción contra o Estado Español por non tomar medidas que freen o declive desta especie. Tampouco se adoptaron en Galicia, segundo denuncian dende hai anos as entidades ecoloxistas, que critican a política seguida pola Xunta, á que acusan de "biocidio", nun comunicado asinado por 24 colectivos, dende a Sociedade Galega de Ornitoloxía á Sociedade Galega de Historia Natural, pasando por ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Amigos da Terra ou o Movemento Ecoloxista da Limia.

Este xoves a Xunta autorizou a tempada de caza estival na Limia, onde se concentran as poboacións máis importantes de rulas, unha medida que segundo a SGHN pode afianzar o declive da especie na zona

Este xoves a Xunta publicou no DOG unha orde de vedas que volve autorizar a tempada de caza estival na ZEPA da Limia, onde se concentran as poboacións máis importantes de rulas, unha medida que segundo a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) pode afianzar o declive da especie na zona. A SGHN denuncia que o Goberno galego "desatende así as esixencias da Comisión Europea e as numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que elimine definitivamente un período de caza que afecta gravemente á rula e a outras aves migratorias".

Un exemplar de rula CC-BY-SA Andrej Chudy

"Ao seguir permitindo neste espazo natural protexido a caza estival do paspallás e do pombo, nada impedirá ós cazadores dispararlle á rula sen que os axentes de medio ambiente poidan detectar esta caza ilegal", di a SGHN

A Xunta establece nesta orde de vedas unha moratoria da caza da rula na ZEPA A Limia, prohibindo a súa caza. Porén, para a SGHN isto pode conseiderarse unha "falsa moratoria" pois "ao seguir permitindo neste espazo natural protexido a caza estival do paspallás e do pombo, nada impedirá ós cazadores dispararlle á rula sen que os axentes de medio ambiente poidan detectar esta caza ilegal". A entidade reclama "medidas de reforzo" para impedir que os cazadores disparen á rula aproveitando a caza do paspallás e do pombo e critica que na reunión do Comité Galego de Caza do pasado 15 de abril "non deron resposta" ás preguntas presentadas sobre as medidas de reforzo que se pensaban poñer en marcha.

A SGHN alerta de que "a media veda da Limia é un grave problema ambiental", pois coa autorización da Xunta "cázanse nela especies migratorias nun espazo natural protexido creado precisamente para conservalas"

A SGHN alerta de que "a media veda da Limia é un grave problema ambiental", pois coa autorización da Xunta "cázanse nela especies migratorias nun espazo natural protexido creado precisamente para conservalas". A entidade explica que no período 2014-2019 matáronse 3.870 rulas e 50.172 paspallás, segundo datos oficiais, co agravante de que no período estival de caza os paspallás aínda están criando. A SGHN lembra tamén que a Comisión Europea criticou as autorizacións de caza estival como a aprobada pola Xunta. Este ano, ademais, o inicio da tempada adiántase ata o 14 de agosto e estará aberta ata o 5 de setembro.

"Con ela tamén está a darse cobertura á caza ilegal de numerosas especies protexidas, incluídas aves rapaces, pois a Xunta non ten capacidade operativa para impedilo", explica a SGHN, destacando que "os axentes de medio ambiente non poden distinguir na distancia cando está a dispararse ilegalmente a un ave migratoria protexida de cando está a cazarse legalmente un pombo".

Evolución da poboación reprodutora de rula común nos 20 puntos de censo do Programa SACRE na cuadrícula PG1060 en A Limia entre 2002 e 2019 © SGHN

Nos últimos anos a poboación reprodutora de rula común diminuíu de forma moi importante na Limia

A entidade vén de informar ao Comisario Europeo de Medio Ambiente da aprobación da "media veda", o que contravén a Directiva Aves da Unión Europea. A SGHN cre que existen "intereses inconfesables" para manter a caza da rula e denuncia "o comportamento hipócrita" da Xunta, "aceptando os fondos millonarios que veñen de Europa grazas ó Tratado da Unión, e logo desprezando as obrigas deste tratado".

Nos últimos anos a poboación reprodutora de rula común diminuíu de forma moi importante na Limia. Así, entre 2015 e 2019 contabilizáronse 84 exemplares nos 20 puntos de censo do Programa SACRE. Pola contra, entre 2010 e 2014 o número de exemplares foi notablemente superior (123), o mesmo que no períoro 2005-2009 (162).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.