O ecoloxismo galego pide á Cámara que prohíba o cianuro na minería

Manifestación contra a megaminería CC-BY-SA gzvideos.info

A práctica totalidade do movemeto ecoloxista galego fixo entrega este mércores no rexistro do Parlamento de dúas iniciativas que piden a prohibición do uso do cianuro na minería e obriga ás empresas mineiras de que conten coas garantías suficientes para facer fronte á totalidade de danos e indemnizacións que se poderían derivar dun eventual accidente. As dúas propostas, unha Proposición Non de Lei (PNL) e outra PDL (Proposición de Lei), non prevé máis que que os grupos políticos trasladen ao ordenamento xurídico galego o contido da resolución aprobada polo Europarlamento en 2010.

O movemento ecoloxista galego pide á Cámara que siga a resolución do Europarlamento e prohíba o uso do cianuro na minería

Aquela resolución do Parlamento Europeo solicitaba á Comisión que fixese efectiva a prohibición en todo o territorio europeo das tecnoloxías mineiras baseadas no cianuro, como as que se pretenden usar na mina de Corcoesto que a multinacional Edgewater proxecta nesta parroquia da comarca de Bergantiños e que tanta polémica e rexeitamento está a provocar entre a sociedade.

Tal e como lembran os diferentes grupos ecoloxistas (Adega, Federación Ecoloxista Galega, Amigos da Terra, Salva la Selva, Sociedade Galega de Historia Natural ou Verdegaia) en Europa países como Alemaña, Hungría ou a República Checa xa incorporaron ás súas lexislacións esta prohibición do uso do cianuro. No entanto, no Estado español a vixente Lei 22/1973 - predemocrática pero aínda vixente - está "fortemente orientada cara ao produtivismos, esquecendo as consideracións de saúde pública e os impactos no ambiente". "En Galiza, a Lei 3/2008 da minería deixa unha ampla marxe de manobra para incorporar as recomendacións que o Parlamento Europeo fixo en 2010 encol deste tipo de técnicas con alto potencial contaminante", aseguran, algo que, porén, non se acaba de facer.

Alemaña, Hungría ou Chequia xa incorporaron ás súas lexislacións a prohibición do uso do cianuro

Os tres grupos da oposición, segundo indican os ecoloxistas, xa manifestaron a súa intención de dar traslado a estas iniciativas para o seu debate na cámara. "Agardamos tamén que o grupo maioritario do PP sexa sensíble a esta problemática e permita desterrar para sempre o risco que para os cidadanas e o ambiente supón o uso de milleiros de toneladas deste veleno na minaría", aseguran.

"Galiza non é unha mina" CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.