O Estado accede a negociar coa Coruña a xestión pública dos terreos portuarios

La Solana é hoxe un club privado nunha situación privilexiada © clubmetropolitan.net

A poxa dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, que tanto balbordo levantou na Coruña, suspéndese polo momento. Ese é o acordo ao que na mañá deste venres chegaron o Concello, a Autoridade Portuaria e o presidente de Portos do Estado, José Llorca, logo de que este se reunise co alcalde, Xulio Ferreiro, e máis co concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. 

A poxa dos terreos da Solana e do Finisterre suspéndese mentres Concello e Portos do Estado manteñen a negociación

"Non se formalizará a poxa mentres sigamos falando", adiantou Llorca. O proceso quedará así paralizado mentres segue unha negociación que continuará o vindeiro 7 de febreiro nunha xuntanza que os mesmos protagonistas manterán no pazo municipal de María Pita. Nela, buscarase unha fórmula para analizar o futuro dos terreos portuarios que quedarán libres coa posta en marcha a pleno rendemento do porto exterior de punta Lagosteira.

Polo momento, acordouse buscar fórmulas para un sistema que garanta o uso público e común dese espazo que quedará liberado e en cuxa xestión puidesen participar diferentes administracións, pero coa ordenación da fachada marítima en mans do Concello.. Será "desde a iniciativa pública" e procurando alternativas para as parcelas que deixan de ter uso portuario, non só as da Solana e o Finisterre, senón tamén os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, nunha negocación conxunta. 

Portos do Estado accede a negociar co Concello a xestión pública dos terreos portuarios

Portos do Estado, Autoridade Portuaria e Concello acordaron buscar "principios de acordo" para atopar "outras solucións" que acheguen recursos para amortizar a débeda da construción do porto exterior de Arteixo. Non se determinou, no entanto, se está descartada a poxa ou a adxudicación directa que defende o goberno local da Marea Atlántica tras a oferta de 1,4 millóns de euros xa realizada. En todo caso, segundo aclarou o alcalde, hai "vías abertas" que implicarían prazos "diferentes". 

O executivo local, tal e como trasladou na xuntanza, propón o cesamento gratuíto dese espazo e alude á operación urbanística que o porto de Valencia levou a cabo en 2013 e, mediante a cal, o Estado cedeu de balde un millón de metros cadrados ao Concello valenciano. 

En canto á paralización da poxa dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, a decisión chega logo de que fose precisamente iso o que o pleno da Coruña solicitara hai dúas semanas. Daquela, aprobáranse por maioría as tres mocións presentadas por Marea Atlántica, PSdeG e BNG que, con distintas formulacións e camiños, reclamaron o carácter público do espazo e a súa devolución ao Concello.

Precisamente, a única moción aprobada por unanimidade -e a única na que o PP votara a favor- foi a dos socialistas, na que se pedía a paralización da privatización que busca levar a cabo a Autoridade Portuaria e esixíalle ao ente o respecto ao acordo acadado polo Concello e a aceptación da oferta formal, realizada xa en dúas ocasións.

Tanto esa proposta do PSOE como a da Marea esixía da Autoridade Portuaria o respecto aos compromisos aos que en xuño chegou co Concello para a venda do espazo da Solana por 1,4 millóns de euros, un acordo aprobado por unanimidade polo Consello de Administración do Porto, posteriormente incumprido. Así, as dúas mocións instaron a "paralizar a poxa" e a garantir a titularidade pública deses terreos, demandándolle ao ente portuario "admitir a oferta xa realizada e comunicada os días 21 de outubro e 26 de decembro".

Desde o colectivo Véndese Cidade ou da Comisión Aberta en Defensa do Común celébrase o que é "unha vitoria da loita na rúa", pero só "temporal". "Non pararemos ata recuperar o que é de toda a cidade", din. 

Protesta durante a xuntanza na Autoridade Portuaria Dominio Público @mareatlantica
Un intre da xuntanza © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.