O Foro da Familia presiona a Rajoy para que recorra ao Constitucional a lei LGTB galega

Manifestación do Foro da Familia © Foro de la Familia

O pasado mes de abril, o Parlamento galego aprobou a primeira norma do Estado contra a discriminación de persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais promovida polo PSdeG e emendada polos conservadores para eliminar preceptos como o réxime sancionador. Malia os recortes impostos, o PP asumiu o matrimonio igualitario dez anos despois. A norma saíu adiante cos votos a favor de populares, PSdeG e BNG -este último de maneira crítica- e a abstención de AGE. Foi un fito histórico e pioneiro que agora as asociacións denominadas profamilia intentan botar abaixo. E non dubidan en escribirlle a Rajoy denunciando que a normativa trata de "impoñer unha única ideoloxía de xénero á sociedade" e logo de reclamarlle que a recorra ante o Tribunal Constitucional.

O Foro da Familia envía unha carta a Rajoy pedíndolle que recorra ao Constitucional a pioneira lei galega LGTB

En esencia, a lei supón que os organismos públicos e privados deben tratar en termos de igualdade a todas as persoas con independencia da súa sexualidade. Isto trae consigo, por exemplo, que de agora en diante a Xunta "entende por familia a derivada do matrimonio, da unión entre dúas persoas do mesmo ou distinto sexo". Pero ao Foro Español da Familia non lle chista nada.

O seu presidente, Benigno Blanco, vén de remitir unha carta ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, na que lle solicita que interpoña un recurso de inconstitucionalidad contra esta Lei 2/2014 do 14 de abril pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTB) en Galicia. Para este organismo, a nova normativa "pretende impoñer un pensamento único, o da ideoloxía de xénero, a toda a sociedade a través dos campos de educación, política, sociedade e medios de comunicación, con especial atención á sexualidade". "Pretende dar o mesmo tratamento á persoa, ao seu comportamnto sexual e a certas opinións sobre a sexualidad, cando de feito son cousas distintas", dinlle desde esta asociación antiabortista ao xefe do Executivo.

A asociación cre que a norma "pretende impoñer un pensamento único" e advirte das queixas de insitucións e asociacións de familia e pais galegas

Segundo o Foro da Familia, "diversas institucións galegas e varias asociacións de familia e de pais e nais de alumnos de colexios galegos manifestaron a súa preocupación polo contido desta lei", que ve como "unha ameaza para os seus dereitos e, especialmente, para o seu dereito de educar os seus fillos en liberdade".

"Non podo aceptar que se nos impoña a todos nin a adhesión a unha concepción da sexualidade concreta nin que se obrigue desde o poder a facer visible unha forma de entender a sexualidade nin que se nos impoña a todos a presenza do colectivo LGTB e as súas asociacións en todos os ámbitos da vida social", insiste, que acusa o "lobby LGTB" de "facer súa unha trampa estratéxico-política". "A lei é unha ameza fundada ao exercicio de dereitos constitucionais básicos par parte de que non nos identificamos co pensamento LGTB", teima.

"A lei é unha ameaza para os dereito dos pais de educar os seus fillos en liberdade", aseguran

"Moitas familias galegas séntense afectadas por esta norma e todos nos que en España defendemos os dereitos e liberdades públicas estaremos moi agradecidos se exerce o seu dereito e responsabilidade de que sexa expulsada do ordenamento xurídico", pídelle o Foro a Rajoy, que acusa o "lobby LGTB" de fomentar unha lei que "persegue a discrepancia" e supón "unha imposición totalitaria para facer visible unha opción concreta en materia de sexualidade".

Así, o Foro da Familia insiste en solicitar a Mariano Rajoy que derrogue cun recurso de inconstitucionalidade a lei do Parlamento de Galicia e "free a presentación de leis similares en todas as comunidades autónomas gobernadas polo PP".

Manifestación do Foro da Familia © Foro de la Familia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.