O 'Manifesto da outra xente' reclama "abrir paso a un decrecemento" en defensa da natureza e dos animais

Concentración en Vigo no ano 2019 seguindo unha convocatoria internacional de #FridaysforFuture © Greenpeace

Manuel Rivas impulsa, xunto co ornitólogo Antonio Sandoval, o Manifesto da outra xente, un chamamento público en defensa da natureza e e dos dereitos dos animais

“Vivimos un tempo de emerxencia planetaria. Hai que poñer fin á guerra contra a natureza". Manuel Rivas impulsa, xunto co ornitólogo Antonio Sandoval, o Manifesto da outra xente, un chamamento público en defensa da natureza e e dos dereitos dos animais que se vén de presentar publicamente apoiado por máis de 60 persoas do mundo da cultura, o xornalismo, a educación, a xustiza e o ambientalismo científico no Estado español. 

Entre os primeiros asinantes do manifesto, que se presenta en castelán, catalán, euskera, galego, asturiano, aragonés e leonés "como mostra do cultivo da diversidade, tamén no ámbito lingüístico", atopamos un gran número de galegos e galegas, como Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Manuel Bragado, Miguel de Lira, Xulio López Valcárcel, Brais Lorenzo, Suso Lista, Ramón Nicolás, Xesús Ron, Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Souto, Dores Tembrás, Mercedes Peón, Antón Patiño, Olga Novo, Xosé A. Fraga, Xavier Villaverde ou Antía Otero, entre outros e outras.

Mobilización de Fridays for Future en Compostela © FFF

O texto reclama que "fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada debemos abrir paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia"

O manifesto fai un chamamento a "poñer fin aos procesos de extinción" e "acabar cos asasinatos ecolóxicos en masa contra a Outra Xente" pois "o respecto á Outra Xente, á natureza, é tamén a nosa emancipación" xa que "sen a biodiversidade non haberá lugar para o ser humano".

Neste senso, o texto reclama que "fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada debemos abrir paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia. Abundancia no benestar con e coa natureza". "Temos que renaturalizármonos para reencantarnos coa nai terra", engade.

“Vivimos un tempo de emerxencia planetaria. Hai que poñer fin á guerra contra a natureza", comeza o texto

"Chegou o intre de pensar en ampliar os dereitos da outra xente e espallar de xeito universal leis que a defendan fronte a todo tipo de ecocidio", conclúe o manifesto, que se pecha sinalando que "hai que actuar" e que "o primeiro paso, a primeira revolución, é comezar a escoitar as voces da Outra Xente".

O manifesto chega oito anos despois da Derradeira Chamada, un exitoso chamamento decrecentista que pedía que a política se axuste "aos límites ecolóxicos do planeta" e que contou entre os seus primeiros 250 asinantes (investigadores, activistas, líderes políticos) cun bo número de galegos e galegas. Enmárcase ademais nas crecentes mobilizacións ambientais -especialmente da mocidade- que reclamaban cambios decididos nas políticas e nas decisións económicas para frear e reverter o cambio climático, un movemento que acadou o seu máximo no 2019 e que ficou cortado polos efectos da pandemia de COVID.

Asinantes:

María Aguilera, escritora, profesora; Marilar Aleixandre, escritora, naturalista; Pep Amengual, biólogo; Lois Alcayde Dans, escritor, xornalista; Rosa Aneiros, escritora; Manuel Bragado, mestre Educación primaria; Guillermo Busutil, escritor, periodista; José Antonio Caride, catedrático de universidad; Nati Comas, editora; Carlos de Hita, técnico de sonido de la naturaleza; Miguel de Lira, actor; Marta del Riego Anta, escritora, periodista; Mercedes Corbillón, librera; Xosé Diaz Arias de Castro, deseñador; Ernesto Diaz, naturalista; Alfonso Domingo, escritor, cineasta; Michael Donaldson Carbon, gestor público; Pepe Fermoso, empresario de turismo ecolóxico, profesional da comunicación; Elisenda Figueras Llavería, promotora cultural; Xosé A. Fraga, historiador, divulgador da ciència; José Antonio Gaciño, periodista; Pablo Gallego Picard, arquitecto; Unai García Martínez, ingeniero mediambiental; Txema García Paredes, escritor, periodista; Menchu Lamas, pintora; Lola Larumbe, librera; Rafael Lema Mouzo, escritor, investigador, hostaleiro; Suso Lista, escritor; Ignacio López Blanco, músico, productor, técnico de son e luces; Isabel López Mariño, docente; Xulio López Valcárcel, escritor; Brais Lorenzo, fotoxornalista; Ada Lloréns, arquitecta, urbanista y paisajista; Rosa M. Tristán, escritora, periodista; Sol Mariño, fotógrafa e poeta; José Manuel Marraco, abogado; Gabi Martínez, escritor; Carolina Martínez Gila, gestora cultural; Antón Masa, biólogo e investigador; Xacobe Meléndrez, fotógrafo, videocreador, meteorólogo; Javier Morales, escritor, periodista; Cláudia Morán Mato, xornalista; Ramón Nicolás, profesor, escritor; Javier Naves, biólogo e investigador; Olga Novo, escritora, docente; Antía Otero, escritora, editora; Mario Obrero, poeta; César-Javier Palacios, periodista ambiental; Antón Patiño, pintor; Mercedes Peón Mosteiro, música, compositora, instrumentista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista e escritor; Héctor Pose, docente, escritor; Manuel Rivas, escritor, periodista; Olga Rodríguez Francisco, escritora, periodista, guionista; Xesús Ron, dramaturgo, grupo Chévere; Mónica Sabatiello, escritora, periodista; Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural; Rafa Ruiz, periodista, director ‘El Asombrario’; María Sánchez, veterinaria, escritora, José Manuel Sande, escritor e programador cinematográfico; Antonio Sandoval, escritor, ornitólogo; Dores Tembrás, escritora, editora; Ruth Toledano, escritora, periodista, directora ‘El Caballo de Nietzsche’; Xurxo Souto, músico, escritor; Begoña Varela Bárcenas, libreira; Xavier Villaverde, director cinematográfico, productor, guionista, fotógrafo; Yolanda Virseda, profesora de Lengua y Literatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.