Converter a comarca de Bergantiños nunha gran mina. Ese é o obxectivo que a Xunta e a multinacional mineira Edgewater se propoñen ao abeiro do polémico proxecto de Corcoesto. Así se deduce tras o coñecemento de novos permisos de investigación e exploración solicitados pola mineira, e aínda pendentes de resolución, que suporía que a superficie afectada na zona se aumentase nunhas 7.400 hectáreas, non menos do equivalente a 7.400 campos de fútbol.
Os novos permisos aumentarían a zona afectada nunhas 7.400 hectáreas
Así o denuncia a plataforma Salvemos Cabana, que vén de descubrir con sorpresa que case 250 cuadrículas mineiras adicionais están pendentes de resolución de novos permisos de exploración e investigación mineira, logo de que a semana pasada confirmasen que unha nova licenza permitirá rastrexar a Mineira de Corcoesto / Edgewater ouro e outros metais afíns noutras 630 hectáreas adicionais ao proxecto mineiro inicial de Corcoesto, afectando especialmente ás parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza. A efectos fiscais, cada cuadrícula mineira equivale a 30 hectáreas.
A superficie total afectada por proxectos mineiros chegaría aos 90 quilómetros cadrados
En global, e tendo en conta as máis de 800 hectáreas ocupadas polo proxecto orixinal que está a piques de aprobarse, a superficie afectada na zona podería chegar ás 8.900 hectáreas, case 90 quilómetros cadrados.
A nova solicitude, segundo puido saber Praza, realízase baixo o epígrafe Grupo Julia, que non é máis que o mesmo nome empregado pola multinacional mineira para abordar as anteriores ampliacións descubertas a pasada semana e que complementa os permisos e exploracións do Grupo Mineiro de Corcoesto. "De evolucionar favorablemente, isto podería supoñer unha ampliación sen precedentes dun proxecto mineiro de imprevisibles consecuencias", denuncia Salvemos Cabana.
Segundo fontes consultadas, as dimensións do proxecto deixarían pequeno calquera cálculo anterior no caso de que estas solicitudes -que están pendentes de resolverse e de publicarse no DOG- se aprobasen. Ademais, aínda que todas as miradas apuntan a Edgewater, podería haber algunha empresa mineira máis en disputa polos terreos, algo que a empresa canadense se nega a confirmar.
A aprobación desta nova ampliación provocaría que moitos máis veciños fosen afectados polas explotacións mineiras
O temor agora entre a veciñanza da zona é que, segundo se vaian aprobando novos permisos, serán moitos os veciños que se decaten de que as súas terras tamén están afectados, ao igual que o están na parroquia de Corcoesto. Por iso, os colectivos contrarios ao proxecto mineiro xa se preparan para ir presentando alegacións a estas solicitudes.
"O feito de pensar que vastas zonas de territorio poidan chegar a ser exploradas e explotadas en busca de recursos de minaría metalífera fainos pensar cal é o modelo que a Xunta pretende para o territorio galego e cales poderían chegar a ser os impactos sobre a paisaxe, a calidade de aire, auga e solos, e por ende, a saúde da poboación das zonas afectadas", denuncia Salvemos Cabana, que ve como "a bomba de reloxaría ambiental" que supoñe o proxecto de Corcoesto pode ser aínda peor do agardado.
Para Salvemos Cabana, as intencións de Edgewater e da Xunta "contravén a máis elemental ética e sentido común dunha administración obrigada por lei a protexer a saúde dos cidadáns de Galicia", e asegura que sería "un erro imperdoable hipotecar o futuro desta terra por un plan temporal que só remata por beneficiar a un reducido grupo de empresas transnacionais relacionadas coa minaría".