O mundo da interpretación dá "pleno apoio" á actriz Iria Pinheiro ante a súa denuncia por acoso

A actriz Iria Pinheiro, nunha actuación © AAAG

"Tocamentos, insinuacións, humillacións e comentarios que acabaron por xerarlle un cadro de ansiedade". É a situación que describe a denuncia penal formulada pola actriz Iria Pinheiro ante o xulgado de instrución número 3 de Santiago, en funcións de garda. Segundo adiantou este venres Sermos Galiza nunha información do xornalista Daniel Salgado, Pinheiro puxo así en mans da Xustiza a situación vivida durante os tres meses de 2017 nos que traballou baixo as ordes do director do programa Con Amor e compañía, producido por Ficción Producciones para a Televisión de Galicia. Tras transcender a demanda, a actriz está a recibir diversos apoios por parte de colectivos do mundo da interpretación.

Segundo a denuncia citada na devandita información xornalística, Iria Pinheiro tivo que aturar condutas de acoso por parte do director, José Luis Viñas, quen advertiu a denunciante de que "non quero que agoches as túas curvas na televisión", indica o escrito. Nun dos episodios denunciados, nos que a actriz interpretaba a María Pita con "saia longa, corsé e camisa, vestimenta do século XVI", o realizador "meteu a man dentro da camisa e baixouna ata o medio dos peitos indicando: 'Lo quiero hasta aquí".

Esta situación de "humillacións" e "temor" reproduciuse noutras ocasións, segundo a demanda. Entre as condutas descritas figura que o director "agarra fortemente" a actriz facendo "que a súa pelve estea en total contacto coa pelve da denunciante". Noutra xornada de traballo, agrega o texto, o director "comeza a sobar e dar palmadiñas no muslo dun xeito non apropiado, dunha evidente índole sexual". Ante o rexeitamento, o superior xerárquico "reaccionaba primeiro con desdén e despois, con humillacións públicas", indica a demanda citada por Sermos.

O denunciado, pola súa banda, asegurou tamén en declaracións a Sermos Galiza que "cando reciba" a denuncia vai "defender" a súa "honorabilidade". "Estou totalmente limpo", agregou.

A denuncia formulada pola actriz nos xulgados de Santiago, adiantada por 'Sermos Galiza', describe unha situación de acoso seguida de "humillacións" e "temor" por parte do director do programa que a empresa producía para a TVG

Ante esta denuncia a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que agrupa a máis de 300 profesionais do sector, tomou posición pública para dar "total apoio á actriz", asociada a esta organización. Os feitos descritos na denuncia, indican, "só podemos definilos como deplorables e completamente intolerables" nunha situación "denigrante e noxenta". A AAAG brinda "apoio legal" a Pinheiro e "puxo á súa disposición no momento solicitado". "As persoas implicadas gardaron estrita confidencialidade ao respecto tanto da situación vivida" como das conversas ao respecto. "Esta confidencialidade preservouse ata que Pinheiro decidiu presentar formalmente a denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio", sinala.

A AAAG ponse "publicamente á disposición" de Pinheiro e "aplaude a súa valentía", ademais de "lembrar" a todas as persoas asociadas que "esta asociación e os seus recursos están ao seu servizo para enfrontar situacións desta gravidade". Nun sentido semellante a Unión de Actores e Actrices, sindicato maioritario no sector a nivel estatal, expresou este venres "todo o apoio para a actriz Iria Pinheiro tras a suá denuncia por acoso ao director do programa da TVG Con Amor e compañía".

Tamén o Comité Intercentros da CRTVG saíu ao paso da denuncia para amosar o seu apoio á actriz e a "máis absoluta repulsa e condena dos gravísimos feitos denunciados". Aínda que o programa é unha produción "contratada a unha produtora externa", o comité coida que a TVG "ten toda a responsabilidade moral e debe adoptar as medidas necesarias para proceder ao cesamento inmediato do director do programa, así como para impedir que no futuro poida volver prestar servizos" na compañía. Do mesmo xeito, agregan, a dirección dos medios públicos debe "asegurar que existan producións delegadas reais e efectivas" para "vixiar que as producións externas cumpran coa legalidade".

Imaxe do programa © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.