O persoal da CRTVG irá á folga contra o "desmantelamento" dos medios públicos

Persoal da CRTVG en San Marcos, no 18º venres negro © DefendeAGalega

O persoal da CRTVG irá á folga "contra o desmantelamento do servizo público" na Corporación. Así o aprobou neste mércores unha masiva asemblea de traballadores, que deu o visto e prace á proposta do comité intercentros tras varios días de xuntanzas e negociacións. 

Así, a folga iniciarase xa neste mes de novembro con paros de dúas horas en cada unha das quendas de traballo durante os días 20, 22, 24, 26, 28 e 30, ademais do 2 de decembro. Será nese mes, ademais, cando a protesta se amplíe a unha folga de 24 horas o mércores 19, día no que tamén se celebrará unha manifestación, tal e como confirmaron fontes do comité a Praza.gal, mobilización que se repitiría tamén nos primeiros meses de 2019. 

A asemblea de traballadores aprobou a proposta do comité intercentros para levar a cabo paros de dúas horas por quenda durante sete días

Ademais, o sábado 22 de decembro tamén se levarán a cabo folga á que está chamada, na proporción horaria que lle correspondería de ser un paro de 24 horas, o persoal desta quenda especial de fin de semana. 

O día 19 de decembro haberá un paro de 24 horas e unha manifestación

Será este xoves cando o comité intercentros rexistre oficialmente o preaviso de folga, aprobada con "abrumadora" maioría na asemblea de traballadores. Ademais, os representanvas tes do persoal levará a cabo unha serie de iniciativas coas que intentará "implicar a sociedade galega na defensa dos medios públicos". Entre esas accións inclúese a creación dunha Mesa na que se xunten diferentes entidades e colectivos organizados na busca dun novo modelo para a CRTVG e a activación dunha Iniciativa Lexislativa Popular que axude nese obxectivo. 

A convocatoria de folga chega poucos días antes de que o persoal mobilizado da CRTVG celebre o seu 25º venres negro, un día máis dentro das mobilizacións coas que desde hai case seis meses levan reivindicando a fin da "manipulación informativa" e do "desmantlemanto e externalización" na Corporación, así como o cumprimento da Lei de Medios Públicos, aprobada hai xa anos no Parlamento.

Segundo fontes do comité consultadas por este diario, a folga intenta reunir a reivindicación laboral e de modelo de televisión pública que comparten a maioría dos traballadores. As negociacións entre os diferentes sindicatos sobre oo seguinte paso a dar nas mobilizacións fructificou finalmente nunha folga na que se prevé unha importante participación. 

Protesta de persoal da CRTVG na Coruña no 17º venres negro / © DefendeAGalega

Mobilizacións a máis nos últimos meses

Porque as protestas nos últimos meses foron a máis na CRTVG, sobre todo despois da decisión da dirección de suprimir no seu anterior formato independente o prestixioso programa Diario Cultural ou prescindir das desconexións locais na Radio Galega. Ademais, hai menos dun mes sóubose do arquivo dun expediente que a Corporación abrira a Beatriz Moyano, ex-presentadora do Telexornal Serán, labor ao que renunciara xunto ao tamén xornalista Alfonso Hermida como protesta polo control informativo nos medios públicos galegos

Cinco días despois da gala contra o cancro na que a xornalista aludiu ás protestas dos venres negros, a dirección da CRTVG iniciou o expediente apoiada en "indicios" de que se maquillara na TVG para presentala, unha medida que entre a maioría do persoal viuse como unha "represalia" pola súa mobilización contra a manipulación e o desmantelamento nos medios públicos. 

Ademais, o pasado 8 de setembro, persoal da televisión e da radio pública de Galicia esixiron na rúa independencia informativa co apoio de oposición e sindicatos. Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou sempre desentenderse da cuestión: “Eu non dirixo a TVG”, chegou a dicir, obviando que el impulsou hai sete anos a lei de medios públicos que aínda non está cumprida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.