O persoal da limpeza do Álvaro Cunqueiro apoia as auxiliares de enfermería nas súas protestas

Persoal de limpeza do Alávaro Cunqueiro uniuse á mobilización das TCAE Dominio Público Praza Pública

As Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo manteñen os peches de 24 horas no interior do centro sanitario en protesta contra a decisión da Xerencia de sobrecargalas con funcións non presentes nos seus estatutos, unhas mobilizacións iniciadas a pasada semana. Este mércores recibiron o apoio e a solidariedade do persoal de limpeza do centro. Cómpre lembrar que o pasado mes de febreiro foi o persoal de limpeza o que denunciou o "deficit" no cadro de persoal, que provocaba unha sobrecarga de traballo e a imposición de funcións non recollidas no prego de condicións da concesión da limpeza. A solución que nese momento ideou a Xerencia do hospital para finalizar con esta protesta foi traspasar esta función ao persoal auxiliar de enfermería (TCAE).

Dende hai varios días grupos de traballadoras e traballadores realizan peches de 24 horas no vestíbulo do centro sanitario para esixirlle á Xerencia que dea marcha atrás nunha decisión que está a provocar un empeoramento da calidade asistencia, xa que está nova función réstalles tempo de atención aos pacientes. "Queremos que a ciudadania sexa consciente que a nosa loita se debe a que non estamos dispostas a que mingüe a calidade asistencial para que a Xerencia ou a concesionaria aforren para os seus petos", sinalan as traballadoras.

Este mércores tamén celebraron unha asemblea na que se decidiu convocar un novo peche de 24 horas para o vindeiro xoves 24, ao tempo que se acordou facer un chamamento a todas as categorías laborais para que participen nunha concentración ese mesmo día ás 12 horas na entrada principal do hospital para rexeitar “un modelo de xestión que comezou reclasificando a lavandeiras/os, pinches e cociñeiras/os, seguiu cos celadores/as, agora tócalle ás TCAE, e non sabemos que colectivo profesional pode ser o próximo afectado”.

A protesta recibiu nos últimos días o apoio de En Marea, BNG, de sindicatos coma a CIG e da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que nun comunicado indicou que "resulta inaceptable que a empresa concesionaria obrigue a persoal do SERGAS a realizar unha actividade que debería realizar cos seus propios recursos" e que "esta decisión ten como único obxectivo novos aforros para a empresa privada a custa do persoal do SERGAS que debe dedicar tempo e diñeiro a esta actividade".

 

Concentración do persoal auxiliar de enfermería no CHUVI © CIG
Concentración do persoal auxiliar de enfermería no CHUVI © CIG
Imaxe do peche no CHUVI © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.