O pleno da Coruña debaterá pedir a devolución dos terreos nos que Defensa quere construír

Plano municipal actual, co trazado das murallas. En vermello, a muralla barroca, no Campo da Estrada (Maestranza) Dominio Público Praza Pública

A Comisión Aberta en Defensa do Común, constituída nas últimas semanas para reivindicar o carácter público e comunal dos terreos do Campo da Estrada (Maestranza), vén de entregarlles aos grupos políticos municipais da Coruña unha proposta de moción, que será votada no pleno de abril, que pide a paralización da poxa -prevista para o 27 de abril- e a devolución á cidade deste espazo. O texto lembra que os terreos, que suman 5.316 metros cadrados e unha superficie edificable de 29.262, "forman parte do común, son ben propios, pertencentes á cidade da Coruña desde a súa fundación e que, polo tanto, deben ser cedidos gratuitamente ao Concello para uso público". Critica ademais a intención do Ministerio de Defensa de vendelos (cun prezo aproximado de 24,8 millóns de euros) para edificar neles, actuando "como unha inmobiliaria especulativa", do mesmo xeito que nas últimas décadas fixo en Zalaeta ou San Amaro, operacións polas que ingresou máis de 8.000 millóns de pesetas.

O texto lembra que os terreos "forman parte do común, son ben propios, pertencentes á cidade da Coruña desde a súa fundación e que, polo tanto, deben ser cedidos gratuitamente ao Concello para uso público"

A Comisión recibiu xa o apoio de Marea Atlántica, BNG, Cerna ou Compromiso por Galicia; de sindicatos como CCOO e CIG; e de entidades vecinais coma a Federación de Asociacións de Veciños e as asociacións de veciños da Cidade Vella, Agra do Orzán, Novo Mesoiro e Castrillón. O 31 de marzo celebrarase no Centro cívico Municipal da Cidade Vella unha asemblea aberta, preparatoria da concentración que terá lugar o 7 de abril ás 20 horas nos terreos da Maestranza.

A moción lembra -como tamén facía o arquitecto Xosé Lois Martínez en entrevista con Praza- que os terreos que o Ministerio de Defensa quere vender foron "ocupados" polas "monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e en usufruto polo Ministerio da Guerra", sen mediar cesión ou expropiación legal. Sitúanse entremurallas, no ámbito de protección de Bens de Interese Cultural (as murallas da cidade da Coruña foron declaradas BIC en 1984), e posúen un "altísimo valor patrimonial" pois neles atopábase (hoxe soterrado) o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval  e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosos, explanadas e baluartes da muralla barroca). Ambos os dous sistemas están definidos como BIC no Catálogo Municipal de Edificios e Conxuntos do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI), que obriga á súa conservación, mantemento e restauración. Neste senso, a existencia de restos arqueolóxicos requiriría a correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do concello da Coruña para calquera tipo de actuación.

O texto proposto aos catro grupos con representación municipal (Marea Atlántica, PP, PSOE e BNG) pide a paralización da poxa prevista para o 27 de abril, a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos para uso público, ter en conta a participación e opinión da cidadanía e da asociación de Veciños da Cidade Vella sobre o futuro uso deses terreos e, por último, instar ao Goberno municipal "a que tome as medidas necesarias para a modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo, posibilitando a posta en valor do Patrimonio Urbanístico, Arquitectónico e Arqueolóxico da Coruña".

 

As tres parcelas suman 5 mil metros cadrados © Google Maps
O lugar é utilizado na actualidade como aparcamento © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.