O PP modifica a lei e pon un novo atranco nas intencións mineiras en Corcoesto

Manifestación contra a megaminería CC-BY-SA gzvideos.info

Tras a reafirmación por parte do Valedor do Pobo da invalidez da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina de Corcoesto logo da denegación do proxecto por parte da Xunta, e despois de que o Goberno retirase a condición de "estratéxica" da iniciativa de Edgewater, un novo atranco sitúase no camiño da multinacional e de calquera intención megamineira en Galicia.

O PP emenda e modifica a Lei de Minería para que a denegación da autorización de explotación implique que se cancelen os dereitos mineiros

O PP vén de rexistrar unha emenda á denominada lei de acompañamento de Orzamentos (Lei de Medidas Fiscais e Administrativas) coa que corrixe o seu propio proxecto de lei, en tramitaicón no Parlamento, e modifica a Lei de Minaría de 2008 para regular o réxime de caducidade dos dereitos mineiros. Supón este cambio que, unha vez denegada a autorización da explotación a un solicitante determinado, os dereitos mineiros quedan cancelados de vez.

Así o lembra Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que celebra "unha nova vitoria da loita social e popular contra a minaría salvaxe en Galiza". A aprobación desta emenda supón que, por exemplo, unha vez que a Xunta denegou xa a autorización para o polémico proxecto de Corcoesto, a empresa mineira perdería tamén os dereitos mineiros. Xa que logo, se Edgewater quere volver presentar un proxecto, tería que volver solicitar os devanditos dereitos.

Se Edgewater quere presentar un novo proxecto, tería que solicitar tamén os dereitos mineiros

“Trátase dunha boa noticia”, asegura o deputado de AGE Antón Sánchez, “para a xente e os colectivos que se mobilizan e mobilizaron contra o espolio colonial e depredador de Corcoesto”. “Este tipo de plans industriais, estrela de Feijóo na actual lexislatura e parado pola loita veciñal, non teñen xustificación e non implican ningún tipo de futuro para a poboación da zona nin do país”, engade, mentres Alternativa lembra que esta emenda rexístrase "nun contexto de aparente conflito entre Mineira de Corcoesto -propiedade da multinacional canadense- e a Xunta de Feijóo". Todo, malia que a empresa advirte que xa negocia cun socio español para conseguir financiamento e reiniciar o proxecto.

Así, o PP propón o seguinte : "A resolución denegatoria, en que se motivará a concorrencia das causas de denegación do artigo 26.2 desta lei, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia sobre o dereito para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras ás que se refire esta lei". Ademais, os populares tamén propoñen incluír unha disposición transitoria para as concesións outorgadas ao abeiro da DT da lei de minas de 1973 no mesmo sentido, isto é, resolución denegatoria ou cancelación do dereito mineiro, para o que, precísase, "será aplicable aos casos de resolucións denegatorias de autorizacións de explotación ditadas con anterioridade á entrada en vigor da presente disposición".

Salvemos Cabana aclara que o cambio supón "a perda 'de facto' dos dereitos de explotación e o final do proxecto industrial" de Corcoesto

A plataforma Salvemos Cabana celebra esta emenda que "cede á tremenda presión social, e que modifica a normativa mineira regulando a caducidade dos dereitos o que supón que tras a denegación da autorización de explotación para calquera proxecto, os dereitos mineros cancélanse automáticamente". No caso de Edgewater en Corcoesto, suporía "a perda de facto dos dereitos de explotación, e sen dúbida un desexable final para o proxecto industrial máis cuestionado na historia recente de Galicia".

AGE celebra tamén a nova pero "exixe saber se o recurso de reposición presentado pola empresa canadense foi xa resolto e se, de ser así, se esta acudiu ao contencioso".

Marcha contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.