O PP rexeita investigar as causas da expansión da praga da pataca

Expansión da couza da pataca en Galicia entre 2015 e 2018 Dominio Público Praza Pública

En agosto de 2015 detectáronse en Ferrolterra os primeiros casos de couza guatemalteca (Tecia solanivora). Uns meses máis tarde, a pesar das medidas de control, a praga da pataca chegou a Cervo, Foz, Xove, Valadouro e Viveiro. En febreiro de 2017 o mal afectaba xa a outros 23 concellos do norte do país e algúns máis do Occidente asturiano. Nese momento a Xunta publicou unha orde recomendando non plantar patacas nos concellos afectados e estableceu unha zona tampón noutros 16 concellos, limítrofes cos primeiros, con medidas de control para evitar a expansión da couza. Entre as medidas, que incluían trampeos de feromonas para capturar o insecto, prevíanse multas de 300 a 3000 euros por transportar patacas dende as zonas contaminadas. Ademais, obrigouse a destruír os cultivos afectados.

O PSdeG-PSOE levou ao Parlamento unha proposta para investigar as causas da expansión da couza guatemalteca e intensificar e mellorar os controis fronte a esta praga

Porén, as medidas (como xa advertían algúns expertos) demostráronse ineficaces e hai unhas semanas detectáronse novos casos na Costa da Morte, en Muxía. Este venres o PSdeG-PSOE levou ao Parlamento unha proposta para investigar as causas da expansión da couza guatemalteca e intensificar e mellorar os controis fronte a esta praga. Porén, o PP rexeitou a proposición non de lei dos socialistas. O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou o "veto" popularoa investigar as razóns do fracaso da súa política e denunciou a “mala xestión” do Goberno galego fronte á praga. “A Xunta fixo unha previsión fracasada, pois no 2015 xa era coñecedora da presenza da couza”, dixo.

Pérez Seco denunciou ademais que “Medio Rural non executou todas as partidas que ten destinadas para os afectados pola praga, soamente executou o 60 por cento”, e subliñou que as medidas son “ineficaces”. Ademais, alertou da falta de información coa que contan os e as afectadas ou os e as posibles afectadas, no caso de que a prega continúe a expandirse. O deputado do PSdeG-PSOE chamou a atención sobre a “preocupación dos afectados e a xeración dunha situación de descoñecemento nas zonas limítrofes ás afectadas”. Fixo referencia sobre todo ao caso de Muxía, onde “se coñeceu pola prensa que estaba afectado pola couza guatemalteca”.

“Medio Rural non executou todas as partidas que ten destinadas para os afectados pola praga, soamente executou o 60 por cento”

Precisamente a "informar" é ao único que se comprometeu este venres Medio Rural no Parlamento. O PP votou en contra da proposta socialista para intensificar as medidas de control e para investigar os posibles erros cometidos ata agora, pero si aceptou unha proposición non de lei de En Marea para "informar sobre o avance da couza guatemalteca e as medidas que se van tomar a fin de erradicala no Concello de Muxía e a Costa da Morte". Así, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comparecerá no Parlamento nas vindeiras semanas. O PP defendeu que “a Consellería do Medio Rural e os seus técnicos están a facer un traballo serio, rigoroso e constante na procura do control e erradicación desta praga, malia as dificultades que entraña loitar contra este parasito que ten o seu ciclo baixo terra e se agocha no interior da pataca”.

 

Patacas afectadas pola couza CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.