O recurso do Estado a unha norma da Xunta favorece os intereses mineiros en Corcoesto

Manifestación contra a minaría contaminante CC-BY-SA gzvideos.info

Logo de que a Xunta cancelase os dereitos mineros da súa filial sobre a mina de Corcoesto e de que a Administración autonómica confirmase este golpe final para o proxecto, Edgewater anunciou accións legais contra o Goberno central por cancelar "unilateralmente" estes dereitos de explotación a través do Executivo galego. Reclama máis de 20 millóns de euros a un Estado ao que advirte da posible ruptura dos "termos do tratado bilateral de investimentos entre España e Panamá". Unha reclamación por un proxecto mineiro na Costa da Morte, dunha multinacional de Canadá que apela ao incumprimento dun acordo do Estado español con Panamá. E que agora pode verse beneficiada polas accións xudiciais da Administración española. 

Edgewater alude ao incumprimento dun tratado bilateral entre España e Panamá, país onde ten a sede Corcoesto SA

Edgewater advirte que se España "non ofrece unha pronta e completa compensación pola perda do investimento e a oportunidade, Corcoesto SA proseguirá enerxicamente as súas reclamacións a través da arbitraxe internacional". Refírese, xa que logo, non a Mineira de Corcoesto, filial no terreo da iniciativa, senón a Corcoesto SA, filial constituída en agosto de 2014 en Panamá e dirixida por Edward Charles Farrauto, axente financeiro con longa experiencia en traballos para compañías públicas e privadas, tamén do ámbito da minería. 

E alude ao posible incumprimento por parte de España do tratado bilateral de investimentos (TBI) asinado con Panamá, un acordo que, coma outros do tipo, consiste en protexer a seguridade xurídica dos investidores. Acordos que son duramente criticados por facelo de maneira opaca e obviando, en moitos casos, as lexislacións de cada Estado e mesmo dereitos básicos da cidadanía. Entre as disposicións máis polémicas, precisamente as que nos TBI crean un mecanismo mediante o que os investidores estranxeiros denuncian ante tribunais de arbitraxe internacional

O tratado con Panamá establece a posibilidade de arranxar as diferenzas entre Estados a través da arbitraxe internacional

O TBI entre España e Panamá fala no seu artigo 12, tal e como lembra a plataforma Salvemos Cabana, de resolver estas diferenzas ben sexa mediante un tribunal creado ad hoc (establecido de acordo co Regulamento de Arbitraxe da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Comercial Internacional) ou a través do Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas a Investimentos (CIADI). "Un centro vinculado ao Banco Mundial e proclive á actividade corporativa", advirte. 

De saír adiante as demandas de Edgewater, "tanto o investimento coma o lucro cesante previsto pola compañía terían que ser custeados polo erario público", é dicir, polos contribuíntes, nun "funesto recordatorio dos graves efectos que poderían supoñer a firma de tratados de libre comercio como o TTIP, TISA e CETA, que garanten a resolución de litixios por este sistema e rematan por beneficiar unicamente ao gran capital transnacional", segundo denuncia Salvemos Cabana. 

"De saír adiante a demanda, tanto o investimento coma o lucro cesante terían que ser asumidos polo erario público"

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto ve nas ameazas "unha manobra de Edgewater cara aos seus investidores" e lembra que, tal e como lle respondeu a Comisión Europea a través da comisaria Malmstron á eurodeputada Lidia Senra, "os acordos de libre comercio non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental"

 

O recurso que pode favorecer a Edgewater

Neste caso, os máis de 20 millóns de euros que reclama Edgewater baséanse na resolución ditada ao abeiro da modificación da lei de minería de Galicia, que introduciu a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non se aprobe. A cláusula Corcoesto incluída pola Xunta para garantir o punto final dun proxecto. 

A demanda de Edgewater baséase na modificación lexislativa da Xunta para pechar Corcoesto e que agora é recorrida polo Goberno central

E aquí xorde outro problema: o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra, precisamente, varios preceitos desa Lei de Medidas Fiscais e Administrativas de Galicia, xusto no artigo 84 e no que se refire ás reformas introducidas na Lei de Ordenación de Minería que permitiron a cancelación definitiva do proxecto de Corcoesto. Tal e como advirte Salvemos Cabana, unha sentenza favorable "podería ter consecuencias negativas", pero o recurso xa as ten, xa que a vixencia dos preceitos imputados queda suspendida desde a interposición do recurso hai un mes e ata a súa resolución, o que "deixa no aire polo menos parte das medidas tomadas ata agora pola Xunta". 

Á marxe dunha sentenza favorable, o recurso xa provoca prexuízos ao suspenderse o artigo recorrido e que permitiu poñerlle punto final ao proxecto

Así, este recurso "podería facilitar as millonarias reclamacións económicas da canadense Edgewater e mesmo, en última instancia, a recuperación dos seus dereitos mineiros na zona, cuxa caducidade anunciouse de maneira oficial en datas recentes", advirte Salvemos Cabana. 

No caso da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Cabana de Bergantiños, cre que o recurso de inconstitucionalidade "xera bastantes interrogantes" e pregúntase "quen está realmente detrás" del. "Non esquezamos que os lobbys empresariais teñen os seus tentáculos esparexidos por todas as partes, incluído o lobby mineiro", di o colectivo, que advirte que aínda que o recurso prosperase, a concesión dunha das minas do proxecto "xa estaría caducada" e outras dúas "caducarían no vindeiro 2016".

"A eventual inconstitucionalidade do artigo 84, non tería consecuencias prácticas para Edgewater, que vería como se queda igualmente sen concesións polo simple paso do tempo", remata. 

Canadense contra a megaminaría en Galicia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.