O sector lácteo volverá mobilizarse a partir do 23 de novembro

Primeiro tractor da tractorada CC-BY-SA Praza Pública

O sector lácteo volverá á rúa a partir 23 de novembro, "cando se cumprepn dous meses da sinatura do acordo lácteo de Madrid". Así o anunciou nun comunicado a Organización de Produtores Lácteos en nome da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo, que iniciará medidas de presión contra as empresas que considera "incumpridoras" do pacto firmado e semprep que non haxa avances das administracións e das industrias. 

A Plataforma anuncia que o sector lácteo volverá mobilizarse a partir do 23 de novembro, ao cumprirse dous meses dun acordo "que non se cumpre"

A Plataforma, logo da reunión do pasado venres, insta a Administración a que "axilice" o cumprimento do devandito acordo e a industria a que "deixe de presentar contratos á baixa" e pase a recoller as subas prometidas e que non se están a cumprir na inmensa maioría dos casos. O colectivo que agrupa sindicatos, concellos e produtores insiste en que "non é certo que os prezos se estean recuperando" e volve reclamar que exista unha comisión de seguimento do pacto lácteo en Galicia, xa que non existe, así como que se publique o novo modelo de contrato. 

Os gandeiros reclaman que a industria "deixe de presentar contratos á baixa" e lembra que "non é certo que os prezos se estean recuperando"

O comunicado foi remitido pola OPL, que denuncia que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, reciba a colectivos "menos representativos no sector lácteo", pero non a eles. Así, xa lle advirten que de non levarse a cabo a xuntanza requirida, as súas accións tamén iran destinadas a que "esa entrevista teña lugar". 

A OPL xa advertira nesta semana, logo de repartir 1.000 litros de leite en Compostela, que o sector regresaría ás mobilizacións. E dixo que serían "máis curtas no tempo pero máis drásticas" e centradas en empresas com Lactalis ou Danone. Agora volve insistir en que "a suba de prezos ao consumidor nos supermercados non repercute en beneficio do gandeiro". "Os gandeiros non son perceptores de axudas como parece que pretenden facer crer desde certos sectores", engaden, ademais de aclarar que "as subvencións non son a solución".

Por outra banda, a Coordinadora Europea Vía Campesiña, na que se inclúe o SLG, vén de enviar unha carta aos ministros europeos que participarán no Consello de Agricultura da UE do vindeiro luns en Bruxelas que se poñan en marcha novas ferramentas públicas para regular o mercado lácteo e "parar a crise no sector". Ademais, denuncia a "presión" da industria e a distribución, o que implica a "desaparición" dun modelo produtivo. 

Chegada da tractorada ao centro comercial As Cancelas CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.