O Supremo libra a Vidal Armadores da súa última gran causa por pesca ilegal

Protesta de Greenpeace contra a pesca ilegal © Greenpeace

Librouse desta. O Tribunal Supremo vén de acordar o arquivo da causa que seguía a Audiencia Nacional contra o grupo Vidal Armadores, acusado de pesca ilegal de pescada negra no Antártico, logo de que tres buques da empresa fosen sorprendidos faenando sen licenza, como tantas outras veces en tantos outros lugares. Así remata esta vía xudicial dun amplo operativo levado a cabo polo Minsterio de Agricultura, a Garda Civil e a Interpol coas operaciónsn Sparrow e Yuyus. Varios directivos da compañíai con sede en Ribeira eran acusados de branqueo de cappitais, falsidade documental, organización ilícita e delito medioambiental. 

O Supremo acorda o arquivo da causa que seguía a Audiencia Nacional contra Vidal Armadores por pesca ilegal no Antártico

O Supremo apela á falta de xurisdición dos tribunais españois en augas internacionais e estima así o recurso de Manuel e Ángel Vidal Pego e de Joaquín Pérez Mariño. A operación comezou hai agora case dous anos cando unha patrulleira de Nova Celandia abordou tres barcos vinculados a Vidal Armadores e con bandeira de Guinea Ecuatorial: o Songhua, o Kunlun e o Yongding. Foron detidos en xaneiro de 2015 por capturar pescada negra en augas antárticas, unha especie que acada elevados prezos no mercado, tanto no legal como no ilegal.

O alto tribunal apela á falta de xurisdición dos tribunais españois en augas internacionais e estima así o recurso da defensa

Os investigadores descubriran a través das escoitas a relación directa dos buques coa empresa galega e a Fiscalía acusábaos de pescar pescada negra nunha zona regulada pola Convención sobre a Conservación de Recursos Mariños. Non era, nin moito menos, a primeira vez. O primeiro destes barcos, o Songhua, era xa moi coñecido para as autoridades. Australia denunciouno e incluíno na lista negra da Comisión para a Conservación dos Recursos Mariños Antárticos. Daquela chamábase Paloma V e tiña bandeira de Namibia. Tamén a tivo de Mongolia, Tanzania ou Indonesia. E ten cambiado de denominación unha vez ao ano desde aquela.

Vidal Armadores colleu sona por ser símbolo e principal protagonista destas prácticas ilegais nas que emprega tamén redes prohibidas, como as que usaba nos últimos meses. O goberno de Nova Celandia e as investigacións policiais e xudiciais vinculou os barcos coa empresa de Ribeira malia que algunha das embarcacións son propiedade de Eastern Holdings Ltd., unha suposta firma pantasma con sede en Belice.

No proceso agora arquivado, a defensa argumentou pescar unha especie que non está en perigo de extinción e con técnicas non perigosas, ademais de aludir á lexislación para asegurar que entre os supostos para actuar nun caso en augas internacionais non se inclúe a pesca ilegal e si outros delitos como piratería, terrorismo ou tráfico de drogas. Xa que logo, entende que ao non haber capacidade xurisidiconal para investigar o delito principal tampouco se poden xulgar os que se derivan. 

Deste xeito, o xuíz Marchena anula o auto da Audiencia Nacional e decide arquivar o procedemento, que queda sobreseído ao entender o maxistrado que a convención que vixía das augas non inclúe base necesaria para a proclamación xurisdicional, do mesmo xeito que a Lei Orgánica do Poder Xudicial. Con todo, un voto particular dubida que non se poida actuar no caso

O Estado impuxera sancións de case 18 milóns de euros a varias empresas e persoas vinculadas á rede de Vidal Armadores

Malia isto, e tras a operación Sparrow, o Ministerio de Agricultura xa impuxera sancións por case 18 millóns de euros a varias empresas e sete persoas vinculadas á rede de Vidal Armadores, ademais de inhabilitalos para a actividade pesqueira e quedar privados para recibir subvenciónsn durante 25 anos. Máis tarde, e noutra operación, a Garda Civil e a Interpol detiveron seis persoas, entre eles Antonio Vidal e tres dos seus fillos. Todos lograran saír da cadea tras pagar cadansúa fianza de 100.000 euros. 

 

Anos de prácticas ilegais

Varias ONG levan anos denunciando as prácticas ilegais de Vidal Armadores, que viu tamén como algúns dos seus buques foron afundidos ou despedazados ante as cámaras. Pero nunca se detivo. Greenpeace acumula lustros de persecución a esta compañía e en 2009 xa a denunciara ante a Audiencia Nacional tras reclamar ao Goberno central unha actuación contundente.

Os barcos de Vidal Armadores foron detidos once veces e a compañía recibiu sete condenas por pesca ilegal

Nos últimos 16 anos -desde principio de século- os barcos da compañía foron detidos polo menos once veces e a compañía recibiu sete condenas, unha delas de cárcere para un dos membros da familia Vidal. Ademais, tres dos seus buques foron confiscados e foron multados por valor de máis de 3 millóns de euros. Malia todo, e tal e como lembra Greenpeace, o grupo empresarial recibiu uns 16 millóns de euros en subvencións pesqueiras por parte das administracións españolas durante a década dos 2000. Tamén Biomega Nutrición, participada por Manuel Antonio Vidal Pego, apoderado da firma, foi subvencionada con case 4 millóns de euros pola Xunta para a construción dunha planta de produción de Omega 3 a partir de aceite de fígado de peixe.

Case todo lle saíu de balde ou lle compensou a Vidal Armadores, que non dubida en patrocinar clubs deportivos e colaborar con diversos colectivos na comarca do Barbanza. Desta vez, e tras a reforma da Lei de Pesca que permmite unha maior presión sobre "buques apátridas e de abandeiramento de conveniencia", as cousas poderían cambiar.

O Estado anunciou 19 sancións moi graves a sete empresas, todos relacionados con Vidal Armadores

Naquel marzo pasado, inspectores de Pesca pasaron días na sede de Vidal Armadores para analizar milleiros de documentos e comprobar a morea de operacións e sociedades interpostas e domiciliadas en paraísos fiscais que forman parte do conglomerado pesqueiro. 

Froito da operación Sparrow, e nunha decisión novidosa, abríronse expedientes sancionadores a 50 tripulantes por se enrolar nos barcos presuntamente piratas de Vidal Armadores durante os últimos anos e malia o veto ao que están sometidos polo regulamento da UE. 

A Mariña de Nova Celandia aborda un buque de Vidal Armadores © Interpol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.