O Valedor investiga irregularidades na venda de uniformes en colexios concertados

Escolares dun colexio galego © Xunta

Os libros e tamén os uniformes. O pasado febreiro o Consello Galego da Competencia publicaba un informe no que alertaba da existencia dun monopolio práctico nos centros escolares concertados, isto é, os de titularidade privada pero financiados con fondos da Xunta de Galicia. O documento referíase, concretamente, aos colexios concertados que impoñen o uso de uniforme ao seu alumnado. En boa parte destes casos a dirección dos centros forza, na práctica, a que a roupa do estudantado sexa adquirida nuns locais determinados ou mesmo no propio colexio, imposibilitando así a busca de opcións máis económica e, en definitiva, encarecendo os prezos. O Valedor do Pobo vén de iniciar unha investigación ao respecto.

"Tomando como referencia" o devandito informe do CGC sobre estas "prácticas abusivas", entre as que a oficina do alto comisionado destaca a "venda exclusiva de modelos oficiais nun único punto", José Julio Fernández vén de ordenar a apertura dunha queixa de oficio. Atentendo aos datos de Competencia pero tamén "comunicacións" de varios cidadáns o Valedor "amosa a súa preocupación" a respecto da "carga gravosa que supón para as familias cinguirse aos modelos oficiais implantados nalgúns centros" que, salienta, "están a incorrer en irregularidades" ao promover a "comercialización exclusiva en determinados puntos.

Dado que estes centros están sostidos por fondos públicos o Valedor comeza as súas actuacións dirixíndose forlmaente á Consellería de Educación para "deixar patente a súa preocupación" en relación a estas "dubidosas prácticas de comercialización". Estas prácticas consisten, esencialmente, en que os colexios adoitan promover o uso de uniformes que "adoitan incluír logotipos rexistrados" do propio colexio, o que na práctica "impide" que as familias poidan "adquirilos noutros comercios", forzándoas a asumir un prezo que, indica Competencia, pode ser moito máis baixo noutros establecementos comerciais. "Nalgúns casos -destaca o Valedor- o centro convértese mesmo no único punto de venda dos uniformes".

O Valedor indica que estas prácticas poden ir contra o "principio de gratuidade da educación"

Neste contexto, o uso duns modelos determinados de prendas como "chaquetas, pantalóns ou saias, polos, mandilóns, equipamento deportivo, abrigos..." adoita ser "obrigatorio en moitos centros educativos" e a imposición dos puntos de venda podería "supoñer non só a vulneración dos principios de defensa da competencia", senón tamén vulnerar a lexislación educativa. Concretamente, indica o Valedor, estas prácticas tamén van contra o "principio de gratuidade da educación", o cal, a priori, debe estar garantido nos centros financiados pola Administración pública. "A compra dos uniformes escolares -acrecenta- pode supoñer un desembolso extremadamente gravoso para a economía familiar cando existen fillos escolarizados no centro que lles corresponde por zona de influencias.

O uniforme "oficial" pode chegar a ser uns 90 euros máis caro que o "básico"

Así as cousas, o Valedor reclama que Educación redacte un informe para comprobar se, como indican as familias e o Consello Galego da Competencia, existen este tipo de prácticas e tamén se, por exemplo, se dan "diferenzas de prezo considerables" entre os coñecidos como uniformes "oficiais", aqueles que "teñen características especaiis de deseño, un escudo, logotipo ou similar", e os "básicos", isto é, sen distintivo dun colexio concreto. Segundo os cálculos do CGC "o uniforme oficial que se vende nos centros" chega a ser uns 90 euros máis caro que o uniforme básico, obrigando as familias a desembolsar uns 140 euros de media por cada uniforme.

Escolares dun colexio galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.