Obxección fiscal contra o gasto militar na declaración da renda

Pancarta contra o gasto militar, este 1º de Maio en Vigo CC-BY-NC-SA Septem Trionis

Obxecta fiscalmente ao gasto militar. Esa é a petición que fai á cidadanía o Espazo Aberto Antimilitar a través dunha nova campaña que consiste en desviar a parte proporcional dos impostos que se destinan ao gasto militar á hora de facer a declaración da renda a "proxectos que traballan na construción dunha sociedade máis xusta e desmilitarizada".

É unha nova edición dunha campaña que apoian cada ano milleiros de persoas desde 1982 a través dun acto de desobediencia civil que se nega a "colaborar de ningún xeito no despropósito social, económico, moral e humano que supón a existencia do exército e todo o que este trae aparellado". "Non defende a nosa seguridade, nin os nosos intereses, nin os nosos valores", aclara o colectivo vigués Espazo Aberto Antimilitar, que cre que a obxección fiscal é necesaria "mentres sigan existindo exércitos e corpos represivos, guerras e ocupacións de territorios".

Milleiros de persoas colaboran con este acto de desobediencia civil desde 1982

Esta obxección fiscal supón así unha "ferramenta" de desobediencia na loita contra o militarismo, "amosando o rexeitamento social que ten o gasto militar en particular e o militarismo en xeral", ademais dunha mostra de solidariedade "con outras loitas anticapitalistas". A medida consiste en desviar os cartos para apoiar "outros colectivos, movementos ou loitas transversais á antimilitarista" e que "procuren a transformación radical da sociedade". Entre todas as opción, o colectivo recomenda tres este ano: a campaña Cárcere=Tortura, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, así como o propio Espazo Aberto Antimilitar.

Pero, como se obxecta ao gasto militar?

A obxección fiscal é un acto de desobediencia civil ao Estado, polo que Facenda non acepta normalmente estas razóns de conciencia e non recoñece a deducción da porcentaxe que se efectúa na declaración."Cando se decata, non o dá por válido e, ou ben non devolve os cartos que o implicado desviou ou reclámaos", explica o Espazo Aberto Antimilitar.

Hai diversas formas de obxectar aos gastos militares, aínda que o Estado non adoita aceptar ningunha delas

Porque hai varias formas de obxectar. Unha delas, a máis sinxela, consiste en adquirir os impresos da declaración da renda e entregalos en branco nun sobre xunto a unha carta co teu nome e DNI dirixida á Delegación de Facenda na que se exprese o rexeitamento ao gasto militar. Esta é a campaña máis fácil de asumir por quen non pode ou quere afrontar sancións administrativas.

Outra opción consiste en desviar -non evadir- da cota líquida da túa declaración da renda o 4.5% (orzamento oficial do Ministerio de Defensa) ou o 11.65%, gasto militar total que inclúe outras partidas, mentres que tamén é posible a alternativa de desviar 84 euros (en protesta polos 84 países empobrecidos pola débeda externa) ou a cantidade que se decida da cota líquida da declaración que será ingresada nun proxecto alternativo.

E aínda queda outra posibilidade, que é a daqueles obxectores que son partidarios da legalización e regulación da obxección fiscal "como un dereito máis recoñecido polo Estado". Neste caso, envíase a petición, que consta dunha carta modelo, para o recoñecimento da Obxección Fiscal aos Gastos Militares.

Neste caso, hai que ingresar a cantidade da obxección fiscal no proxecto elexido, polo que  haberá que solicitar dous recibos, un para o obxector e outro para incluír na declaración. Tamén se achega unha instancia dirixida á Delegación de Facenda alegando os motivos da obxección e especificando os cartos desviados ao proxecto social. No espazo dos impresos dedicado ás deduccións xerais deberase riscar o enunciado dunha das casas e escribir "por obxección fiscal aos gastos militares", así como a cantidade elixida.

Ademais, no caso de que a declaración saia a pagar, a devolver ou de cota líquida cero "sempre se pode declarar persoa obxectora fiscal, reclamar os cartos que dos teus impostos se dedican ao gasto militar e desvialos ao proxecto alternativo".

A obxección só se pode realizar se a declaración se presenta en papel e se non se acepta o borrador

O Espazo Aberto Antimilitar lembra que só se poderá obxectar se se presenta en papel e non aceptando o borrador e lembra que durante este mes de maio todo o que queira participar poderase asesorar na Oficina Dereitos Sociais dos locais da parroquia do Cristo da Victoria en Coia (os luns de 17 a 19 horas) e na cova dos Ratos (Romil, 3) os martes ás 20.30 horas.

Malia que a campaña é un acto de desobediencia civil que non adoita ser aceptado polo Goberno, o Espazo Antimilitar cre que iso "non debe ser un atranco para reclamar" o que cren "xusto: o dereito a non contribuír cos nosos cartos á guerra". Así, lembra que o presuposto do Ministerio de Defensa para o ano 2013 é de 5.937 millóns de euros o que, "sendo unha barbaridade, supón un descenso do 6,01 % con respecto ao ano anterior". "O orzamento leva baixando dende o ano 2000, redución que provoca certa inquedanza e indignación entre os mandos e responsables militares", asegura nun comunicado, tras lembrar que malia os axustes, o gasto militar español "ascende (segundo un cálculo ben conservador) á cantidade de 16.500 millóns de euros, un gasto inicial que adoita excederse e que significa case dous millóns de euros cada hora de cada día do ano".

O gasto militar de España ascende a 16.500 millóns, case 2 millóns de euros cada hora e cada día do ano

"E iso ocorre nun Estado onde, por mor da crise, péchanxe servizos de urxencias; onde o subsidio de desemprego, para quen poida acceder a el, ascende a 400 euros; onde non hai albergues para as persoas sen teito; onde as pensións de xubilación vense cada vez máis coma un soño inalcanzable ou onde o presuposto de educación se reduce un 16%", lembran.

Ademais, o Espazo Antimilitar critica que se amplíen as actuacións militares ao ámbito civil ou como "arma anti-folgas" como no conflito dos controladores aéreos ou no recente do lixo en Granada. "E aínda así, continuamos vendo como sindicatos e organizacións que se autoproclaman de esquerdas e de clase súmanse á cerimonia da confusión na que vivimos, pregando por maior carga de traballo para a industria militar", censuran.

 

Imaxe da campaña contra o gasto militar CC-BY Espazo Aberto Antimilitarista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.