Oito partidos asinan unha declaración de apoio ao uso público e cultural do Castelo de Monterrei

Imaxe do acto celebrado este sábado en Monterrei © Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei

PSdeG-PSOE, BNG, Podemos, EU, ANOVA, CxG, Ciudadanos e Veciños de Monterrei participaron este sábado no acto organizado pola Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei para demandar un uso cultural e público para a fortaleza. Representantes destas forzas políticas asinaron unha declaración que, sobre a base dos informes elaborados polo Consello da Cultura Galega e as Universidades de Santiago e Vigo, rexeita o plan da Xunta para converter o castelo nun hotel de luxo.

No cruceiro da fortaleza, as oito forzas políticas comprometéronse a recuperar o castelo e a poñelo ao servizo da cidadanía, dedicándoo a fins culturais e de promoción turística da comarca de Monterrei, tal e como se recollía no contrato de cesión asinado pola Xunta e o Estado central no ano 2010. Tamén asumiron a necesidade de levar a cabo as actuacións necesarias para a conservación e posta en valor do monumento recollidas no Informe do Consello da Cultura Galega e nos escritos das Facultades de Historia das Universidades de Santiago e Vigo, redactados a instancias da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei.

As oito forzas políticas comprometéronse a recuperar o castelo e a poñelo ao servizo da cidadanía, dedicándoo a fins culturais e de promoción turística da comarca de Monterrei

Entre outros puntos, destaca o de conseguir a "protección legal máxima para todo o conxunto", que dado o seu valor patrimonial e singularidade "precisa dunha figura de protección que redunde no estudo, conservación e difusión da zona, polo que debe ser clasificado como Conxunto Histórico". Tamén a "redacción e desenvolvemento dun Plan Director" co obxectivo de "por en valor toda a acrópole, incluíndo as casas particulares e o espazo entre murallas, reservando o castelo para uso cultural e lúdico". Igualmente, prevese a creación dun Padroado coa participación das autoridades, institucións educativas-culturais e asociacións cidadáns "que promova a posta en valor e supervise a xestión do monumento".

Finalmente, procederíase á redacción dun Plan de Rehabilitación e adecuación dos espazos edificados e naturais coa necesaria dotación orzamentaria, "que faga da acrópole un espazo atractivo para o lecer e a aprendizaxe da cidadanía". E a "promoción dos valores culturais e turísticos do recinto de Monterrei, conectándoos a outros moitos existentes na comarca", co obxectivo de "fomentar as visitas turísticas e educativas".

Tras a sinatura desta declaración, os e as representantes das forzas políticas participantes realizaron un paseo polo recinto.

Os representantes das forzas políticas asinantes © Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei
Declaración de apoio ao castelo © Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.