Once manifestacións para unha folga xeral que pretende ser histórica. Un total de once marchas percorrerán as rúas das cidades e vilas galegas na xornada de paro prevista para o vindeiro día 14 de novembro. Convocados polos principais sindicatos (CCOO, CIG e UGT), pola maioría do resto de centrais, pola Alianza Social e por múltiples colectivos, a convocatoria estatal coincide coa que se dá en países como Portugal, onde tamén se levará a cabo unha folga xeral, e a doutros países europeos onde haberá protestas en forma de mobilizacións ou paros parciais.
Hai convocadas máis de 100 manifestacións no conxunto de Estado, nunha folga xeral que coincide coa de Portugal
Será a segunda folga xeral que sufrirá Mariano Rajoy, case oito meses despois da primeira, e na que se manifestará a oposición aos Orzamentos Xerais do Estado para 2013, aos recortes e a unhas políticas que están condenando España a unha continua recesión e a un incremento constante do desemprego. Para este 14N hai convocadas máis de 100 manifestacións en capitais e cidades do Estado.
As manifestacións denunciarán tamén a precarización das condicións laborais e de vida dos traballadores, ademais de exixir un cambio nas políticas económicas decretadas polo Goberno e que están a provocar unha maior contracción da economía, a parálise dos sectores produtivos, a destrución de emprego, a demolición dos servizos públicos esenciais e a súa progresiva privatización. As principais marchas serán as convocadas conxuntamente por CCOO, UGT e CIG, pero haberá outras doutros sindicatos. En Vigo, por exemplo, CUT, CGT, CNT, STEG e SF levarán a cabo unha manifestación unitaria ás 11 horas desde a praza Fernando O Católico, mentres que noutras cidades tamén haberá convocatoria destas centrais.
Horarios de saída e percorrido das manifestacións principais:
- Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.
- Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno.
- Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella
- Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.
- Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.
- Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.
- A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.
- Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.
- Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello
- Ribeira: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.
- Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación