Oposición e sindicatos censuran a política anti-incendios da Xunta

Incendio no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

A vaga de incendios que volve asolar os montes galegos neste verán e as máis de 6.000 hectáreas -segundo dixo Alberto Núñez Feijóo- que xa se queimaron no país no que vai de ano volve provocar as críticas de oposición e sindicatos á política contra os lumes que leva a cabo a Xunta de Galicia. O presidente alertou dunha actividade dos incendiarios "nunca vista" e culpabilizou case en exclusiva a quen "intenta facer dano" das insistentes lapas, que levan anos sendo un problema en Galicia. 

O PSdeG cre "inoperativo" o sistema de birgadas municipais e AGE acusa o PP de "facilitarlles o chisqueiro" aos incendiarios coa Lei de Montes

Desde o PSdeG, o seu voceiro de Agricultura, Pablo García, cre que a vaga de lumes "demostra que o sistema de brigadas municipais de extinción de incendios non funciona, é inoperativo, insustentable e caro". Pola súa banda, a parlamentaria do BNG, Carme Adán, acusou o presidente da Xunta de estar "desaparecido" mentres os montes arden e cre que ante a vaga de incendios a única política do Executivo "é rezar ao Apóstolo para que chova"

Ademais, a vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, foi máis aló e acusou o PP de facilitar aos incendiarios "o chisqueiro para incendiar o país" coa aprobación da Lei de Montes que permite a recualificación de terreos queimados. 

No entanto, as críticas non chegan só da oposición. Os sindicatos volven denunciar precariedade dos servizos contra-incendios. Así, a CIG censura a falta de medios tanto humanos como materiais no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) neste verán. Segundo denuncia a central nacionalista, en Ourense, onde os lumes están a afectar con máis forza, traballan dúas persoas nalgunhas brigadas que tiñan que estar compostas por sete, ademais de non cubrirse as baixas ou as vacantes do servizo.

“Mentres a Xunta nunha actitude totalmente propagandística dedícase a entregar camións motobombas novos a concellos da mesma cor política para que os teñan aparcados ou que a mediados de agosto non teñan aínda contratados a condutores nin brigadas, os camións motobombas do SPDCIF caen a cachos”. aseguran, tras criticar tamén que o Executivo do PP reducise de 83% a 35% de empregados públicos no Servizo contra incendios o que, ao seu ver, afecta negativamente á eficacia e coordinación. Esixen, así, que se cubran axiña as vacantes e que se dote de medios materiais e vehículos necesarios para desenvolver un labor seguro e eficaz.

CCOO, UGT, CIG e CSIF denuncian a "falta de medios na loita contra a vaga de lumes"

Do mesmo xeito, UGT denunciou que o servizo contraincendios da provincia de Lugo ten actualmente unhas 40 prazas de brigadista sen cubrir, que conta con motobombas cunha antigüidade de "máis de 15 anos" e que os traballadores reciben un "escaso" avituallamento para os lumes.

Díxoo o brigadista e delegado do comité de empresa da Consellería de Medio Rural na provincia, José Manuel López Pérez, quen incidiu en que "hai brigadistas con máis de 60 anos en extinción directa" e en que hai brigadas nas que só están tres persoas, pois quedaron "entre 35 e 40 prazas sen cubrir".

Ademais, as organizacións sindicais CCOO, UGT, CIG e CSIF xa avanzaron que o vindeiro xoves comparecerán conxuntamente para "denunciar a falta de medios na loita contra a vga de lumes que está asolando Galicia". Segundo din nun comunicado, demostrarán "que os datos achegados pola Consellería de Medio Rural en relación aos efectivos que aparecen no Plan de Incendios Forestais (Pladiga) non se corresponden coa realidade". 

A Xunta responde e di que o dispositivo contra os incendios é "o máis potente de España"

Respecto das críticas de sindicatos e outras formacións políticas ao dispositivo, o Goberno autonómico indica que "Galicia conta co dispositivo de prevención e loita contra incendios forestais máis potente de toda España que, en conxunto, pode chegar a alcanzar as 7.000 persoas velando polos montes galegos"; "un dispositivo idéntico en persoal que o ano anterior".

Ademais, conclúe a Xunta, ao comezo da campaña de risco elevado, o 1 de xullo, "estaban xa cubertos o 100% dos postos de técnicos, o 98,1% dos 388 postos de axentes e o 94% dos 1.839 postos de laborais do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais".

Incendio nas Fragas do Eume CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.