"Os homes non choran" e outras xustificacións da violencia machista

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

A violencia machista non é só física e as súas orixes non están só no seo da parella. Ben ao contrario, o maltrato por razóns de xénero ten un esencial compoñente social e a súa erradicación, polo tanto, tamén. Estas premisas, amplamente compartidas entre persoas expertas na abordaxe e tratamento deste tipo de violencia, fai especialmente preocupante a pervivencia de actitudes que, máis ou menos abertamente, xustifican as verbas ou actos violentos na relación entre homes e mulleres. A preocupación medra aínda máis cando esta xustificación se dá nas xeracións máis mozas: máis do 20% dos adolescentes no Estado manifestan algún tipo de xustificación da violencia machista.

Esta é unha das conclusións que é posible tirar dun estudo impulsado neste 2013 pola Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero. As autoras e autores da investigación identifican ata trece "crenzas" que xustifican a violencia machista e preguntáronlles por elas a mozos e mozas dunha media de 16 anos. Entre este colectivo ata un 23,58% dos mozos consideran "xustificado agredir alguén que che quitou o teu", unha afirmación que a investigación ve intimamente ligada coas relacións de parella e que entre as mozas só é asumida polo 6,71% das enquisadas. Nun nivel semellante está outra xustificación máis xeral, "é correcto pegarlle a alguén que te ofendeu", coa que concordan o 16% dos mozos e o 4% das mozas.

Máis do 10% dos mozos e do 6% das mozas cren que a violencia machista só se "produce dento da casa" e "non debe saír de aí"

Xustificacións coma estas prodúcesense nun contexto no que máis do 11% dos mozos e máis do 6% das mozas continúan a pensar que as agresións machistas "se producen dentro da casa" e, polo tanto, "é un asunto da familia que non debe saír de aí", o seo dun núcleo familiar no que "un bo pai debe saberlle facer ao resto da familia que é el o que manda", segundo case o 10% dos enquisados e algo menos do 3% das enquisadas. Neste  sentido, case o 12% dos adolescentes considera que é "correcto ameazar os demais para que saiban quen é o que manda", afirmación tamén asumida polo 4% das adolescentes. Unha proporción moi semellante de mozos, o 11,52%, cre que "os homes non deben chorar", cifra que baixa ao 3% entre elas.

"Algo faría"

Este estudo atopa tamén entre as "crenzas" que perviven en parte dos futuros adultos e adultas unha das xustificacións máis comúns, o algo faría. Case o 4% dos mozos e o 1,83% das mozas consideran "xustificado que un home agreda a súa muller ou moza cando ela decide deixalo", porcentaxe de acordo que sobre ata o case o 6% e o 2%, respectivamente, ao preguntar sobre se as mulleres "agredidas polo seu marido" fixeron "algo para provocalo". Esta culpabilización da vítima mantense tamén noutro perverso lugar común: "se unha muller é maltratada polo seu compañeiro e non o abandona será porque non a disgusta de todo esa situación", din o 9% dos mozos e o 5% das mozas.

O estudo alerta do aumento da "tendencia á xustificación da violencia", do "dominio" e da "submisión" dentro das familias

Estas e outras afirmacións levan as autoras e autores do estudo a identificar "unha maior tendencia á xustificación da violencia de xénero e ao dominio e a submisión" que no anterior inquérito, elaborado en 2010. Nesta liña, advirten da importanica dos "consellos escoitados ás persoas do entorno", entre os que "predominan as mensaxes de dominio e violencia, con inferior presenza das mensaxes de igualdade e non violencia". Entre os "factores de risco" que identifican no entorno familiar da adolescencia atopan tamén o caldo de cultivo do tópico sobre os homes e as bágoas: "o rexeitamento á expresión emocional", unha "dureza" segundo a cal "non se debe amosar sensibilidade, debilidade ou pedir axuda", un "estereotipo machista" que "prepara" os nenos para a violencia e que, "ás veces, as vítimas aprenden como mecanismo negativo de defensa".

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.