Os infartos son tratados en Lugo 82 minutos máis tarde que en Santiago

Accesos do HULA CC-BY-NC-SA CIG

Hai este 16 de marzo un ano o INE acreditaba que os datos de mortalidade por infarto na provincia de Lugo duplicaban a media estatal. Aquela información prendeu os ánimos da plataforma veciñal que vén reclamando a apertura durante as 24 horas do servizo de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti, que funciona só en horas de oficina -de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres- dende a súa apertura, realizada en 2014 aínda que a Xunta a anunciara para 2011. Apenas dous meses despois da publicación destes datos o Sergas puña en marcha o Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), cuxo primeiro balance acredita que a diferenza no acceso ao tratamento dunha persoa que infarte en Lugo a respecto doutras áreas de Galicia supera os 80 minutos.

O balance presentado este mércores polo Servizo Galego de Saúde abrangue os 602 casos de infarto rexistrados en Galicia entre xuño e novembro de 2015 e as diferentes variables do seu tratamento. Unha delas é o tempo que transcorre dende que a persoa afectada contacta co servizo sanitario -caso por exemplo da chamada ao 061- ata que se procede á apertura da arteria afectada polo infarto. No caso de Lugo este lapso supera as tres horas, mentres que na área sanitaria máis rápida neste área, a de Santiago, é de algo máis dunha hora e media.

Os primeiros datos do Rexistro Galego de Infarto acreditan que os doentes de Lugo tardan 192 minutos en recibir o tratamento dende que avisan ao Sergas 

Atendendo aos datos facilitados dende Sanidade, dende que unha persoa avisa na área de Lugo que pareceu un infarto "ata que se inicia o procedemento na sala de hemodinámica" pasan 192 minutos. A segunda maior demora é a de Ourense, onde este servizo tampouco funciona as 24 horas, con 169 minutos. No termo medio atópase Pontevedra, con 151 minutos, e os menores tempos de intervención son os de Vigo, 121 minutos, e Santiago, 110 minutos. Na Coruña e Ferrol, aclara o Sergas, os datos atópanse "na media" e non son especialmente reseñables a respecto dos do resto do país.

Sanidade asegura que estas diferenzas de tempo non inflúen na mortalidade

Malia a estas obvias diferenzas a Consellería de Sanidade afirma que os dispares tempos de atención non teñen "influencia sobre a mortalidade dos pacientes segundo a súa localidade de residencia". Ademais, acrecentan, "esta diferenza de atención non existe cando se estima o tempo que vai dende o inicio dos síntomas ata que se inicia o procedemento". Así e todo, o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e mais o responsable do Rexistro na Coruña, Guillermo Aldana, admiten que cómpre tomar estes datos con cautela, toda vez que se está a traballar con cifras acumuladas moi baixas de pacientes e, polo tanto, calquera caso de morte altera notablemente as porcentaxes xerais.

A unidade de hemodinámica do hospital lucense funciona só en horario de oficina

A ausencia de relación entre o tempo de inicio do tratamento e a mortalidade que argumenta o Sergas contrasta coa opinión emitida en diversas ocasións dende o Hospital de Lugo. Alí o xefe do Servizo de Cardioloxía, Carlos González Juanatey, amosábase seguro o pasado ano de que a apertura da unidade de hemodinámica durante as 24 terían un "impacto indubidable" nas taxas de persoas que falecen por esta doenza. Tras a aparición dos primeiros síntomas "o que hai que facer é correr", salientaba o doutor, segundo cuxas cifras só un terzo das persoas que sofren un infarto na provincia de Lugo poden ser atendidas no tempo recomendado, menos de 120 minutos. Atendendo a ese criterio, as recomendacións só estarían a cumprirse en Vigo e Santiago.

A información para o conxunto de Galicia indica que, durante "os seis meses de seguimento" para os 602 casos rexistrados, a mortalidade nos 30 días seguintes ao infarto sitúase no 11%, dato que baixa ao 3,6% "cando son excluídos os casos de pacientes con parada cardiorrespiratoria ou shock". Se a análise se realiza só entre os doentes a quen se lles realizou unha anxioplastia primaria -545 do total-, a mortalidade foi do 8,8%.

Presentación dos datos do Regaliam © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.