Os informes da Xunta avalan a mina de feldespatos de Xinzo

© Plataforma veciñal Corno do Monte

A Plataforma Veciñal Corno do Monte denuncia que o apoio expresado pola Xunta nos seus informes ao proxecto mineiro de Minercer SL en Xinzo pode poñer en perigo máis de 210 postos de traballo no agro. Outras máis de 200 persoas benefícianse da produción agricola a través de actividades paralelas e derivadas (talleres, almacéns, servizos técnicos, fitoagrarisas...). O informe de Medio Rural, que podía tumbar o proxecto "queda a medias", segundo a Plataforma pois afirma que na zona "parece prevalente a agricultura", non impoñendo con contundencia a prevalencia do agro sobre a actividade mineira. 

A Plataforma finalmente recolleu preto de 2000 alegacións individuais, e presentarónse outras a título de asociacións, sindicatos, agricultores e gandeiros. Nestas alegacións falouse tamén das consecuencias para a saúde das persoas e dos riscos sociodemográficos. Pero non foron tomadas en consideración. A Plataforma lembra que "a decisión non está tomada" e que estes informes "non son vinculantes" pero alerta de que "tal e como dixo o Director Xeral de Industria, a lei di que teñen que ser tidos en conta porque así o di unha sentenza do Tribunal Supremo". Para a Plataforma, ademais, o feito de que estes informes sexan favorables "deixan unha vez máis baleiros de contidos moitos dos titulares de prensa que foron sacados no entorno da Xunta para calmar as augas e impedir que as accións da veciñanza danaran os intereses da empresa mineira e do goberno que os avala". 

Os veciños conclúen que estes informes "pretenden bendecir un desaloxo forzoso do que é noso, do pagamos coa nosa suor, e que nos pretenden sacar das nosas mans con expropiacións forzosas ao prezo que eles marquen, é dicir, que a Xunta avala este roubo". E advirten que "a veciñanza vai poñer toda a carne no asador e defender o que é seu, sen violencia a diferenza dos que nos atacan e nos queren quitar o que é noso".

Manifestación en Xinzo contra o proxecto mineiro © Plataforma veciñal Corno do Monte
© Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.