Os mariñeiros do cerco, que dende hai máis de 50 días, permanecen concentrados ás portas de San Caetano e noutros lugares en defensa do sector, conseguiron por fin falar con Alberto Núñez Feijoo. Tentárano antes en Marín ou Lalín, pero o presidente da Xunta evitáraos. Este xoves pola noite, en Carballo, á entrada do mitin do Partido Popular, unha representacións dos mariñeiros abordou a Feijoo, para entregarlle un documento de reivindicacións e pedir que se reúna con eles.
O líder dos populares galegos respondeulles que el xa se reunira co sector e, ante as críticas, subliñou cunha certa arrogancia que "sei de que vai isto" e que o actual reparto se "pactou" entre os barcos. Os mariñeiros, nunha discusión de foi subindo de ton, pedíronlle a Feijoo que mirase "á cara a esas 1.200 familias" e despedírono dicindo "ti non es galego nin nada" e "vostede non nos representa".
Os mariñeiros estiveron concentrados ás portas do lugar onde o PP levou a cabo o seu acto electoral en Carballo, cunha faixa na que se podía ler "Eu apoio o cerco galego" e na que mesmo se situou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga (Partido Popular), que mesmo así defendeu a Núñez Feijoo en declaracións aos medios. No propio mitin o presidente da Xunta destacou que "por moito que digan algúns, somos os que máis sabemos de mar e os que máis defendemos o mar".
