"No país do minifundismo permanece unha realidade que é de todos, e ao tempo de ninguén, unha realidade que camiña entre o público e o privado. Así é o mundo dos montes en mancomún". Así se presenta o proxecto documental En todas as mans, realizado pola cooperativa Trespés (formada por Tania Martínez, Paulo Jablonski e Alberte Román) coa colaboración constante das comunidades de montes galegas. Ademais, contan co apoio dalgunhas administracións locais e puxeron en marcha diversos mecanismos de crowdfunding para financiar o proxecto.
O documental, que se atopa en fase de postprodución e podería estrearse a finais deste ano ou a comezos de 2013, fai un repaso polas orixes e características dos montes comunais, especialmente nos últimos trinta anos, cando se reivindicaron e recuperaron, "Hai trinta anos os seus lexítimos titulares, a veciñanza dos lugares, comezaron a recuperar a xestión dos montes en mancomún, é tempo pois de realizar unha achega á situación actual deste réxime de titularidade", explican. O monte é noso, o documental realizado por Llorenç Soler nese tempo é unha referencia. De feito, o equipo contactou con Soler, que se amosou moi interesado polo proxecto, ao que empresta o seu apoio, o mesmo que outrs realizadores de peso, como Isaki Lacuesta.
Esta forma de titularidade asenta as súas raíces nunha concepción colectiva do territorio
Esta forma de titularidade asenta as súas raíces nunha concepción colectiva do territorio, e fai parte do patrimonio cultural galego, pois os montes en mancomún son formas de titularidade de orixe xurídica xermánica, un uso legal que chegou a Galicia e ao norte de Portugal hai mil anos, e que en moi poucos lugares do mundo se practica de xeito semenllante: Fronte a propiedade pública ou privada, que teñen orixe xurídica romana, este xeito de xestionar o territorio non supón ser propietario, senón usufructuario, dereito de uso e xestión.
O monte en mancomún non se pode vender, nen parcelar. Galicia conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan perto de 700.000 ha de territorio galego, o que representa 29,85 % da superficie forestal. A titularidade comunitaria implica na xestión do territorio unha parte considerábel da poboación, na volta de 150.000 comuneiros e comuneiras.
Valorar a importancia social, económica e ambiental do monte
O obxectivo é diginificar e poñer en valor esta figura, dala a coñecer e potenciala en todos os seus aspectos. A este respecto, Alberte Román denuncia a "invisibilización das comunidades de montes, mesmo entre as persoas que viven ao seu carón. Nas zonas urbanas ou periurbanas, e nas zonas próximas á costa, cada vez máis xente vive de costas a eles e hai sobre todo unha perda da transmisión xeracional entre a xente máis nova".
"O feito de celebrar asembleas, de tomar entre todos decisións sobre o espazo que nos rodea, vai formando un espírito democrático"
O documental analiza non só a importancia económica dos montes, para o desenvolvemento rural, a conservación do entorno e a fixación de poboación nestes lugares, senón outros aspectos sociais, humanos e democráticos: "Queremos construír un relato colectivo das diferentes comunidades, de distintas xeracións, de homes e mulleres, queríamos amosar as persoas que estaban detrás da xestión dos montes, que é para eles o monte e reflexionar con eles sobre o futuro. O feito de celebrar asembleas, de tomar entre todos decisións sobre o espazo que nos rodea, vai formando un espírito democrático, axuda a rexenerar a propia realidade cotiá destes ámbitos", explica Alberte.
Aspectos positivos e ameazas
Alberte explica que dende os movementos de recuperación do monte, a finais dos setenta, "fixéronse cousas moi importantes, pero tamén hai moitas sombras, e ameazas para esta forma de xestión do territorio". Con todo, prefire salientar os aspectos positivo: "hai cousas positivas, sobre todo dende unha perspectiva de futuro, como a incorporación da xente nova ás xuntas reitoras, que achegan outros discursos na cuestión do monte, fora do tradicional discurso sobre os beneficios económicos, como o discurso social ou medioambiental. Tamén é importante a incorporación de mulleres ás xuntas directivas".
"As políticas europeas inciden moito na necesidade de que os habitantes dun territorio se involucren na xestión dese territorio"
Os responsables do documental son optimistas de cara ao futuro do monte en mancomún: "está chamado a ter un papel importante, na medida en que sexamos capaces de valorar o seu significado. A ONU e as políticas europeas inciden moito na necesidade de que os habitantes dun territorio se involucren na xestión dese territorio e dos seus recursos. Galicia xoga con vantaxe, porque non hai outro espazo en Europa con tanta xente vinculada ao monte deste xeito. Pero isto debe valorarse, debe ser visto como unha riqueza. Debería xogar un papel fundamental nas políticas de desenvolvemento rural, e na ordenación do territorio e a paisaxe".