Os pais e nais da escola pública mobilizaranse contra o pago nos comedores

Visita institucional da Xunta a un comedor escolar en Vigo © Xunta

"Ante isto, non imos quedar calados; queren acabar coa escola pública e non o imos consentir". Así de contundente se mostra a Confapa, confederación que agrupa as asociacións de pais e nais galegas, a través da súa presidenta, Helena Gómez, que cualifica "xa non de recorte, senón de ataque" a última medida aplicada pola Consellería de Educación e que supón que un terzo do alumnado do ensino público teña que pagar por xantar no centro, e logo de que se deixase de ter en conta a distancia ao colexio para calcular o custo do servizo.

"Non imos quedar calados;  queren acabar coa escola pública e non o imos consentir", di a Confapa

O prezo máximo fixado pola Xunta para prestar este servizo de comedor increméntase en plena crise un 40,2% a respecto do curso anterior, ao tempo que polo comedor, que ata agora eran de balde para o 91,82% do alumnado, terá que ser sufragado polo 43,26% do alumnado, segundo a propia Consellería de Educación.

A partir do vindeiro curso, unha familia con dúas persoas adultas que cobren algo máis de 1.125 euros ao mes cada unha terá que pagar uns 90 euros mensuais polo comedor escolar do seu fillo ou filla, que custará 4,50 euros ao día. Ese será o prezo máximo, mentres a Xunta sostén que se mantén a "gratuidade total" para as "rendas baixas". No entanto, as familias de entre un e dous fillos en idade escolar con renda per cápita de entre 7.000,01 e 8.000 euros ao ano, tamén terán que pagar o comedor. Un euro ao día -uns 20 euros ao mes-, o mesmo que para as familias numerosas que ingresen máis de 7000,01 euros per cápita.

"Non é solidario, senón todo o contrario; podes ser mileurista hoxe e mañá estar no paro", lembra a presidenta da federación

"Non creo que as familias que cobren 60.000 euros ao ano leven os fillos á escola pública", advirte Helena Gómez. Mentres, a Xunta segue defendendo un sistema que considera "solidario", "progresista" e necesario para manter a "sostibilidade" dos servizos da educación pública. "Non é solidario, sentón todo o contrario", retruca a Confapa, que repara no feito de que a consellería "teña en conta a renda do ano pasado, cando a situación económica dunha familia pode cambiar dun mes para outro". "Podes ser mileurista hoxe, pero mañá estar no paro; non é só unha medida inxusta, senón que supón un ataque", insiste, tras destacar que a medida "se ceba" co rural.

A medida "cébase" co rural, xa que nas cidades son as anpas as que sufragan o servizo de comedor

Porque nas cidades, son maioría os centros públicos cuxos comedores son xestionados e sufragados polas propias anpas (asociacións de nais e pais), que contratan un servizo de cátering para os seus pequenos e que, nalgúns casos, reciben unha pequena subvención "que pode supor uns 30 euros por cada familia". No entanto, non ocorre o mesmo no rural, que depende -e moito- deste servizo de comedor para os pequenos, que xa sofren recortes noutros ámbitos como no transporte. "Non imos permitir que os fillos leven un tupper a clase, moito menos aqueles cativos que teñen que camiñar 800 metros para coller un bus por culpa dos recortes", engade Gómez, que cualifica de "esperpéntica" a situación na que quedarán algunhas familias.

"A comida no colexio é, en moitos casos, a única en condicións que os pequenos fan en todo o día"

Ademais, insiste a presidenta da Confapa, "os nenos non deben levar a fiambreira porque deben comer nun prato, co seu garfo e o seu coitelo, porque tamén é función da escola ensinar iso". Pero iso non é o peor. "O xantar do colexio é, en moitos casos, a única comida en condicións que os pequenos fan en todo o día", asegura Helena Gómez, que alerta da "situación de miseria" que sofren moitas familias para as que as achegas da escola pública son fundamentais.

Desde a Fapacel, a federación provincial de anpas de Lugo e que agrupa moitos centros do rural, cualifican de "ofensiva á escola pública" a medida, que cren que "só vai servir para igualar os servizos da pública a concertada". "Se temos que pagar polos servizos tanto na pública como na concertada, ao final o que van conseguir é que os centros públicos se queden sen nenos e a concertada se siga a beneficiar de unhas axudas que non deberían estar a recibir", denuncia. "Por que temos que pagar uns servizos que xa estamos pagando cos nosos impostos?", pregúntanse.

A Confapa pide "retirar os concertos" e reclama que se empece por suprimir os dos colexios que segregan por sexo, que supoñen 3 millóns de euros

A solución, para a Confapa, é clara: "retirar os concertos e, en primeiro lugar, os que marca a Xustiza" para así destinar eses cartos aos comedores. Helena Gómez refírese á última sentenza do TSXG que tomba os concertos da Xunta cos colexios que segregan por sexo. "Tan só as achegas públicas a eses cinco centros supoñen 3 millóns de euros; empecemos por aí, aínda que na federación somos partidarios de que se retiren tamén todos os demais", di con contundencia. "No Goberno din que non teñen cartos, pero para o que queren si que dispoñen deles; o que queren é desmantelar a escola pública e, de paso, están a desmantelar o rural", volve acusar.

Por todo isto, preparan xa accións de protesta e mobilizacións ante este novo "ataque" ao ensino público. "Non o imos consentir", insiste a presidenta da federación, que terá unha xuntanza directiva o vindeiro sábado onde se acordarán as medidas a tomar de aquí en diante para deter unha medida que volve precarizar a escola pública mentres se manteñen as achegas públicas aos centros privados. Mentres, e nun acto na Cidade da Cultura, o conselleiro de Eduación, Jesús Vázquez, anunciou que a Xunta vén de "paralizar a orde de concertos que estaba pendente de saír" tras a sentenza do TSXG mentres a asesoría xurídicia analiza o ditame.

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)
Helena Gómez, presidenta da Confapa Galicia © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.