Os profesionais da loita contra o lume din "estar fartos" das "mentiras" da Xunta

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

Apropiga, asociación que agrupa os profesionais do Servizo Público de Prevención e Extinción Contra os Incendios Forestais (Spdcif), realizou este martes a primeira valoración do funcionamento do dispositivo preparado polo Goberno galego para loitar contra o lume. Este colectivo profesional amósase moi crítico e debulla as eivas do servizo de extinción e prevención de incendios en Galicia: "brigadas incompletas e pouco profesionais, recortes, condicións laborais precarias, desorganización, improvisación e mentiras sobre a situación actual que a Consellería conta á opinión pública". Apropiga contesta ademais ás manifestacións que, nestes días, fixeron os responsables da consellería de Medio Rural e Pesca con respecto á eficacia do dispositivo e manifestan que están "fartos de recibir os parabéns e o ánimo hipócrita do presidente da Xunta e da Consellería cando son eles os que nos precarizan e nos ignoran cando lles pedimos o que consideramos xusto e razoable".

Apropiga expresa o seu malestar pola "falta de honestidade da Consellería" nas súas manifestacións sobre a valoración do dispositivo despregado este verán. "Afirman que a Xunta de Galicia está cumprindo estritamente o plan de prevención e defensa contra os  incendios forestais (Pladiga), ou que existe unha coordinación fantástica cando é un engano á opinión pública que pretende ocultar unha realidade ben distinta", din.

 

Brigadas

Apropiga critica especialmente a recuperación das brigadas municipais, que considera "ineficaces" e nas que "baixo un verniz de formalismo legal nas probas de acceso e constitución destas brigadas ocúltase unha verdadeira promoción de persoas por intereses familiares e políticos". As brigadas municipais foron rexeitadas no 2006 pola súa "falta de eficacia de cara a obter un dispositivo único e ben coordinado" e este ano a Consellería decidiu recuperalas. Apropiga lembra que estaban previstas 275 brigadas municipais, pero o número de concellos que firmaron os convenios de colaboración para contratar brigadas de prevención e extinción de incendios foi menor do agardado pola Consellería, que reaccionou en "forma de presión política" sobre os concellos que se negaron a firmar porque consideraron que non era competencia súa "como así é", segundo informa Apropiga, "as políticas de prevención e extinción de incendios forestais deben ser exercidas pola propia Xunta". A segunda reacción da Consellería, segundo informa a asociación,  foi concederllea máis brigadas das previstas aos concellos que si decidiron firmar os convenios.

"Estamos fartos de recibir os parabéns e o ánimo hipócrita do presidente da Xunta e da Consellería cando son eles os que nos precarizan e nos ignoran cando lles pedimos o que consideramos xusto e razoable"

Ante a ausencia "case total" de brigadas en determinadas comarcas, a Xunta contratou brigadas através da empresa pública Tragsa que non están recollidas no Pladiga. A empresa, segundo Apropiga, "fixo unha selección arbitraria e totalmente inxustificada dos traballadores que decidiu contratar xa que non tivo en conta, nin a experiencia nin a formación e a elección foi feita por vía telefónica e sen ningún tipo de proceso público de selección". Estes feitos "demostran a total improvisación no despregue do dispositivo", conclúen. 

A asociación denuncia que as brigadas municipais "nin siquiera están cumprindo as funcións para as que foron constituídas". O Pladiga establece que "os traballos consistirán en actuacións manuais en vías e camiños forestais, áreas cortalumes e faixas de xestión de biomasa mediante roza, rareo e eliminación de restos, cun mínimo de 5 hectáreas nos tres meses de operatividade da brigada ou a súa parte proporcional". "Nada disto se está a cumprir porque están ao servizo do alcalde respectivo e adicanse a actividades tan  variadas como fritir pementos na festa gastronómica do lugar, traballos de todo tipo para o concello, desbrozar áreas recreativas, rotondas... en definitiva, nada que teña que ver coa prevención de incendios", afirma Sebastián Hernández Borrageros, secretario de Apropiga. Ademais, "por se fose pouco o descontrol" estas brigadas teñen que obter autorización para saír fóra dos seus concellos, non saen das súas provincias e a maioría deles "fan quendas diúrnas e non nocturnas para estar ó servizo dos seus alcaldes polo que se descompensa a dispoñibilidade das brigadas", manifesta a asociación.

Outro factor importante na extinción de incendios é a empresa Natutecnia, que proporciona a maioría das brigadas helitransportadas. "É a clara demostración de cómo se  pode facer un lucrativo negocio dos incendios forestais", afirma Apropiga. Ademais, denuncian que aínda hoxe hai bases que a Consellería decidiu non abrir "por unha absurda política de recortes" nas zonas máis afectadas polo lume estes días. A asociación tamén denuncia neste caso o proceso de selección do persoal, que foi "totalmente aleatorio, sen publicidade e baixo criterios irracionais excluíndo a persoas con experiencia e formación, presuntamente porque houbo listaxes negras de contratación".

A empresa Natutecnia "é a clara demostración de como se pode facer un lucrativo negocio dos incendios forestais"

Apropiga tamén denuncia a situación de Seaga, cuxos empregados traballan baixo "condicións laborais precarias que a consellería non quere resolver porque a súa máxima é que calquera vale para apagar os incendios e se o fai en precario, mellor porque é máis dócil". "500 traballadores contratados para o reforzo no verán, son obrigados a realizar labores de desbroce en días de alto risco de incendio e elevadísimas temperaturas, sendo represaliados e chamados a contas en caso de poñer obxeccións, cando as labores de prevención se deben facer noutras épocas do ano", din. 

Apropiga denuncia que a día de hoxe "hai numerosas brigadas incompletas por non cubrir as prazas vacantes, o que supón que haxa brigadas que acoden ós incendios con dous brigadistas". Ademais, afirman que hai moitos vehículos motobomba en malas condicións "algúns xa teñen máis de 20 anos, e xa levamos dous accidentes de vehículos motobomba en labores de extinción". Tamén se reduciu o número de vixilantes "de xeito alarmante este ano", o que supón "que haxa puntos de vixilancia pechados ou que non están abertos as 24 horas ao mesmo tempo que a consellería financia, a moi alto coste, a vixilancia de patrullas militares que son ineficaces".

 

Un modelo desorganizado e fragmentado

Apropiga afirma que "queda claro que o modelo proposto pola Consellería de Medio Rural é inoperativo e desorganizado e non ten en conta a experiencia dos profesionais, o que deixa claro que hai unha desorganización estrutural grave que se está demostrando na baga de lumes que acontece estes días en Galicia". Afirman que cando a consellería insiste en que os medios están ben estruturados e coordinados" falsea a realidade" porque "pretende aparentar unha normalidade ficticia, ao mesmo tempo que o número de  incendios de nivel 1 está sendo superior aos incendios deste nivel nos últimos 5 anos (22 entre 2008 e 2012) e a pesares de que a consellería manipulou interesadamente a declaración dos incendios forestais de nivel 2 co fin de poder mobilizar medios alleos a Galicia, o que demostra que a consellería non é capaz de extinguir os incendios cos seus propios medios, sen ter que declarar o dito nivel de risco".

Dende Apropiga demándase a corrección desta clase de políticas por parte da Consellería "para volver a un sistema único, profesionalizado e público, para rematar a fragmentación do dispositivo". Piden que "o debate sobre a lacra dos incendios forestais debe quedar fóra da liorta electoral e que o goberno galego esté disposto a un consenso coas forzas políticas, sindicais e sociais para abrir inmediatamente unha mesa na que se aborde o futuro do dispositivo e da prevención e extinción e incendios en Galicia".

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga
Feijóo, durante a visita a Cualedro © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.