Os sindicatos alertan de que o número de camas pechadas no Sergas será semellante ao de veráns anteriores

Camas pechadas nun hospital público galego Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña

CIG e CCOO calculan que este verán o SERGAS pechará nos distintos centros hospitalarios galegos un número de camas semellante ao de anos anteriores. A falta de que a Consellaría de Sanidade faga pública a súa cifra oficial, a CIG sinala que serán ao redor de 1.200 as instalacións que nos estarán dispoñibles durante o período estival. O pasado ano o SERGAS ofreceu un cálculo de 936 camas non utilizables, cun pequeno descenso con respecto aos dous anos anteriores, unha cifra que foi posta en dúbida polas organizacións sindicais.

A CIG sinala que serán ao redor de 1.200 as instalacións que nos estarán dispoñibles durante o período estival

A Federación de Sanidade de CCOO critica a "teima" do SERGAS "en pechar camas, servizos e plantas de hospitalización", ademais de "manter inoperativos numerosos quirófanos". O sindicato insta a Consellaría a aproveitar a época estival para reducir as listaxes de espera hospitalaria, e pide que entre xuño e setembro se funcione "a pleno rendemento", para acadar este obxectivo e mellorar o servizo.

Pola súa banda, a CIG alerta de que algúns peches -que xa están sendo comunicados polas distintas Xerencias das Áreas Sanitarias- se prolongarán ata o mes de outubro. Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é "especialmente rechamante" o caso da área sanitaria de Vigo, “unha das que ten as máis longas listas de agarda". Abuín critica que "se manteña o Hospital do Meixoeiro case desmantelado, con unidades pechadas permanentemente e que agora se incrementa co peche das unidades que están en activo”. De feito neste centro hospitalario, que ten un total de 343 camas, o número das pechadas vai ser maior que o das que van permanecer abertas, que serán só 163 (o 47,52%), sinala o sindicato.

Para María Xosé Abuín, é "especialmente rechamante" o caso da área sanitaria de Vigo, “unha das que ten as máis longas listas de agarda"

Para a CIG-Saúde, "estamos diante dun peche patronal no que o conselleiro, que actúa como Xerente desta empresa, só utiliza o argumento de que isto vén motivado polas vacacións do persoal”. Abuín salienta que “as traballadoras e traballadores só gozamos dun mes de vacacións, non catro, e que só ten que mirar o número de persoas que están inscritas nas listaxes de contratación para comprobar que hai relevo abondo para contratar en ausencia do persoal que marcha de vacacións”. Para o sindicato, "se non se pechasen camas e se contratase este persoal estariamos mellorando, aínda que sexa temporalmente, os datos de desemprego, facilitando que, cando menos, este persoal puidera ter un contrato de catro meses".

 

Redución das listas de espera

CC.OO fai fincapé na posibilidade de reducir as listas de espera no verán, unha demanda que o sindicato vén realizando nos últimos tres anos. A central calcula que se reducían en vinte mil persoas se os servizos hospitalarios funcionasen con normalidade durante o verán. Isto explícase pola menor incidencia das doenzas respiratorias, o que desconxestiona servizos como as urxencias. Neste senso, a Federación de Sanidade de CCOO propón que o SERGAS "habilite todas as camas e poña en funcionamento no verán todos os quirófanos e servizos centrais -radioloxía, laboratorios e demais-, non só para urxencias". Ademais, esixe a substitución das horas extras en forma de peonadas -na atención especializada- ou voluntariedade -na Atención Primaria- por contratos para persoal que está no paro ou forma parte das listas de contratación, co que tamén se crearía emprego.

CCOO calcula que se reducían en vinte mil persoas se os servizos hospitalarios funcionasen con normalidade durante o verán

O número total de camas hospitalarias nos establecementos sanitarios do SERGAS vén reducíndose dende o regreso do PP ao poder no ano 2009. Das 9.863 camas que nese ano había en funcionamento, pasouse a 9.126, un descenso de 737. O número de camas en funcionamento por cada mil habitantes reduciuse das 3,6 ás 3,34, lonxe dos estándares europeos (ao redor de 5 camas por cada mil habitantes) aínda que por riba da media española (2,96), tamén en descenso na última década. En varias ocasións o Goberno galego xustificou o descenso das camas operativas en que estas xa non son tan necesarias "como antes". Así o fixo en 2014 sinalando que "o recurso cama xa non é tan imprescindible coma antes" nin "determina o grao de eficacia do sistema", destacando a importancia crecente dos hospitais de día ou da cirurxía ambulatoria e argumentando que "a hospitalización achega pouco valor e alto gasto".

 

A situación en Lugo e Compostela

"Un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas ata o remate das vacacións, aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas"

No Complexo Hospitalario de Compostela (CHUS) van pechar este verán 180 camas, das cales 138 corresponden ao Hospital de Conxo e as restantes 42 no Hospital Gil Casares, segundo datos comunicados pola Xerencia. A Comisión de Centro do CHUS denuncia que "como consecuencia disto un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas ata o remate das vacacións, aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas (dermatoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, oftalmoloxía, uroloxía, pneumoloxía e traumatoloxía)". "Non hai ningún argumento que xustifique estes peches. O que fai a Xerencia é condenar os cidadáns a non ter unha asistencia digna pola redución das prestacións sanitarias, e condenar ao mesmo tempo ao paro a un gran número de traballadores", engade.

"Os/as doentes rara vez estarán ingresados na Unidade que corresponda á súa especialidade, nin tampouco para os/as profesionais é doado"

De igual xeito, dende Lugo CIG-Saúde denuncia os peches previstos no Hospital Lucus Augusti (HULA): "unidades co cento por cento de ocupación ao longo do ano son pechadas sen consideración ningunha, sen ter en conta a necesidade da poboación e dende logo moito menos as necesidades do persoal". "Os/as doentes rara vez estarán ingresados na Unidade que corresponda á súa especialidade, nin tampouco para os/as profesionais é doado, cun cadro de persoal sen apoio ningún, facerse cargo de multitude de especialidades mesturadas, con protocolos e necesidades moi diferentes", sinala o sindicato. "Nunha época onde prima a alta especialización, o control dos rexistros, a seguridade dos/as doentes resulta que o SERGAS o que fai como política de bandeira é mesturalo todo, para que tanto doentes como profesionais se sintan o peor posible", conclúe.

 

Protesta contra o peche de camas en 2014 no Hospital da Costa © CIG-Saúde
Camas pechadas nun hospital público galego Dominio Público SOS Sanidade Pública Coruña
Evolución das camas hospitalarias na última década Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.