Os suicidios aumentaron en 2014 en Galicia por cuarto ano consecutivo, segundo destaca o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM). A falta de cifras oficiais, o MGSM estima o número de suicidios en 390, moi por riba dos 333 do pasado ano ou dos 275 casos do ano 2010. O aumento é do 41% en catro anos. A taxa de suicidios por cada cen mil habitantes chegaría así aos 14 casos, fronte á media española, situada en 2013 en 8,3. O MGSM cualifica este incremento de "alarmante" e sinala que garda relación directa coas consecuencias da crise económica.
“A crise creou as condicións de risco, un risco xa avisado pola Organización Mundial da Saúde, que sinalara as accións para amortecelas. A ausencia de acción do Goberno é o que nos leva a esta situación”, destaca Miguel Anxo García Álvarez, portavoz do Movemento. García Álvarez lembra que segundo o informe SESPAS se produciu "un incremento no consumo de antidepresivos, de hipnóticos e de tranquilizantes, e tamén aumentaron os trastornos de ánimo ou o incremento de consumo de alcol, por exemplo". Circunstancias que se deben "a un cambio significativo das condicións de vida da cidadanía". "Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante", destacaba xa hai uns meses en entrevista con Praza, alertando de que "o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade".
"O risco estaba aí, había unhas recomendacións da OMS moi claras para reducir este risco, e non se tomaron medidas", di. Segundo a OMS, había que reforzar a rede sanitaria, e sobre todo a atención primaria para unha detección temperá dese risco e, vencellado a isto, recomendaba reforzar os recursos de saúde mental. Pedía tamén reforzar o mecanismos de protección social, de impulsar políticas activas de emprego, porque o paro desesperanzado convértese nun factor de alto risco para as condutas suicidas. E falaba tamén de reducir a carga da débeda que sofren as familias, sobre todo no relacionado cos perigos de desafiuzamentos e as débedas crediticias, pedindo que os Estados mediasen para que as entidades non presionasen estas persoas e non creasen situacións insostibles nas familias. “Que se fixo aquí? -apunta García Álvarez- “calquera que analice a xestión dos gobernos en España e en Galicia nos últimos anos verá que non se fixo nada disto”.
2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014* |
---|---|---|---|---|---|---|
296 | 340 | 275 | 306 | 332 | 333 | 390 |
Número de sucidios en Galicia. Fonte: INE. *Estimación do MGSM
O Movemento fai responsable da situación aos recortes e á política sanitaria, criticando as restricións na hospitalización psiquiátrica co obxectivo de "ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos". "Búscase unha falsa rendibilidade dos recursos sanitarios existentes a través dun uso que na realidade limita o dereito á assitencia do paciente", explica o seu portavoz. "Detectamos alta precipitadas en unidades de hospitalización sen que o paciente se atope nunha situación de estabilidade suficiente, e detectamos que se frean ingresos a pesar de existir recursos dispoñibles dentro dese hospital", comenta, lembrando o caso de Santiago, onde se manteñen sen ocupar o 30% das camas. "Cremos que todo isto forma parte dun argumentario para reducir recursos, e reducir camas significa sempre reducir persoal", engade.
"Detectamos alta precipitadas en unidades de hospitalización sen que o paciente se atope nunha situación de estabilidade suficiente, e detectamos que se frean ingresos a pesar de existir recursos dispoñibles dentro dese hospital"
Salienta a este respecto que na única provincia que conta cunha unidade sanitaria especializada na prevención do suicidio, Ourense, si se produciu unha redución "notable" da taxa nos últimos anos. Para García Álvarez, a falta dunha política máis coordinada e dunha estratexia de prevención pode levar a que "agora corramos o risco de que se busquen accións parciais que resulten inútiles e que alimenten o prexuízo de que este problema é irresoluble ou de que as políticas de prevención son ineficaces".
“A crise creou as condicións de risco, un risco xa avisado pola Organización Mundial da Saúde, que sinalara as accións para amortecelas. A ausencia de acción do Goberno é o que nos leva a esta situación”
Nas xornadas que o Movemento celebrou o pasado ano xa se alertaba das "graves consecuencias" que a actual situación está provocando para as persoas con enfermidade mental e as súas familias, subliñando "a falta de planificación na reforma dos hospitais psiquiátricos" e denunciando "que se están a seguir criterios económicos e non clínicos desde a Administración". "Cremos que o sistema sanitario en Galicia hai tempo que non está orientada por obxectivos de saúde senón por outro tipo de obxectivos máis relacionados co mercado de produtos sanitarios ou coa obtención de beneficio", di García Álvarez lembrando tamén as vías de privatización abertas. "Se o goberno sanitario en Galicia estivese rexido por criterios de saúde, sería un goberno absolutamente fracasado, e así o avaliamos. Non cumpriu co seu obxectivo prioritario, que é protexer a saúde da poboación, máxime cando a OMS xa o advertira", conclúe.
Os suicidios en Galicia
Galicia sempre presentou unha taxa de suicidio superior á da media do Estado, pero nos últimos anos a diferenza entre os datos galegos e os do conxunto de España fíxose máis grande. Tan só Asturias, cunha taxa de 13,9 casos por cada 100.000 habitantes en 2013, se sitúa en cifras semellantes ás galegas. O resto das comunidades están por debaixo dos dez casos, Catalunya supera por pouco os sete e Madrid rolda os cinco.
Son moitos máis os homes que quitan a vida (245 en 2013) que as mulleres (88). A franxa de idade na que se producen máis casos é a de entre 50 e 55 anos
Son moitos máis os homes que quitan a vida (245 en 2013) que as mulleres (88). E a franxa de idade na que se producen máis casos é a de entre 50 e 55 anos, aínda que o número de casos distribúese de forma relativamente uniforme entre todos os grupos de idade. Menos do 10% dos casos corresponden a mozos e mozas de menos de 30 anos.
Media | Ast. | Gal. | And. | Bal. | CMa. | Can. | CLe. | Eus. | Nav | Val. | Rio. | Ara. | Cat. | Mur. | Est. | Cant. | Mad. |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
8,3 | 13,9 | 12,1 | 9,63 | 9,21 | 8,83 | 8,77 | 8,38 | 8,34 | 8,16 | 8,03 | 7,58 | 7,34 | 7,31 | 6,98 | 6,74 | 5,48 | 5,21 |
Casos de suicidio por cada 100.000 habitantes por comunidades autónomas en 2013. Fonte: INE