Os traballadores en folga de fame denuncian que Povisa deu orde de impedirlles durmir

Os traballadores levan xa máis dunha semana en folga de fame © CIG

Os tres traballadores de Povisa en folga de fame en protesta polos despedimentos decidios polo hospital privado superaron xa a súa primeira semana. Un tempo no que a empresa fixo efectivas as rescisións de contrato anunciadas e no que outro traballador se uniu, este mesmo luns, á acción reivindicativa, converténdose no cuarto folguista de fame. A protesta dos empregados de Povisa non está sendo doada. Á dureza propia da acción, que xa lles provocou unha perda de peso de entre 7 e 9 quilos, únense as "presións" exercidas pola dirección do hospital, segundo denunciou en rolda de prensa a presidenta do comité de empresa, María Xesús Neira, da CIG.

Neira, unha das persoas en folga de fame, sinala que a dirección da empresa deulle orde por escrito ao servizo de seguridade "para que acendan e apaguen as luces da zona onde dormen cada media hora durante toda a noite". Deste xeito, engade, "á debilidade por falta de alimentación súmase a imposibilidade de descansar, o que está a poñer en risco a saúde das tres traballadoras". “Facemos responsábeis á empresa, ao Sergas e á Xunta do que nos poida acontecer, porque seguen a mirar cara ao outro lado”, dixo. En calquera caso, Neira reiterou que "non abandonarán" a folga ata que Povisa non dea marcha atrás aos 13 despedimentos “e cambie a situación que padecemos dende hai seis anos, con despidos constantes, reducións de xornada e de salarios, presións e ameazas”. María Xesús Neira, Carmen Couto, Eduardo Davila e Alejandro Villar (que se uniu este luns á protesta) continuarán pois coa súa acción. “Aguantaremos ata que nos collan con pinzas, non imos ceder”, sinalou Neira.

A presidenta do Comité de Empresa criticou a cobertura que do conflito están a realizas algúns medios de comunicación, en especial a TVG, á que acusou de "manipulación" e de "silenciar" o que está a acontecer “porque está ao servizo de Feijóo”. Puxo como exemplo o feito de que un conflito laboral coma o de Povisa “ten moito menos espazo que a presenza en Vigo do actor Mario Casas ou o incendio do iate do futbolista Míchel Salgado”. Tamén criticou a actitude do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao que acusan "de nin sequera terlles respondido ás peticións para manter unha xuntanza". 

CIG-Saúde, a través da sua secretaria xeral María Xosé Abuín, denuncia que "a intransixencia de Povisa no conflito" está "avalada pola consellaría de Sanidade"

Pola súa banda, CIG-Saúde, a través da sua secretaria xeral María Xosé Abuín, denuncia que "a intransixencia de Povisa no conflito" está "avalada pola consellaría de Sanidade", que “nin obriga á empresa a dar unha solución a este conflito, nin lle exixe que deixe de despedir persoal para manter unha ratio traballador doente que garanta unha boa calidade na asistencia”. Abuín exixe da consellaría de Sanidade "a súa inmediata intervención neste conflito" porque “de non facelo o que está é posicionándose do lado dos intereses económicos de Povisa e non dos intereses sanitarios da poboación e dos laborais do persoal”. “Á consellaría de Sanidade non lle importa a vida das persoas”, conclúe.

Os e as traballadoras de Povisa continuarán ademais coa campaña de mobilizacións e de información que desenvolven de xeito paralelo á folga de fame. De feito, para este martes teñen convocada unha vixilia nocturna ás portas de Povisa a partir das 20 horas. Animan a toda a cidadanía a acudir á protesta con velas en sinal de solidariedade e en defensa do emprego e da calidade asistencial no centro médico.

Rolda de prensa do comité de empresa Dominio Público CIG
Os traballadores levan xa máis dunha semana en folga de fame © CIG
Os tres traballadores de Povisa en folga Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.