Outra investigación procura unha solución "biolóxica" contra a avespa velutina

Niño retirado pola empresa Serpa © Serpa

Outra alternativa contra a expansión da avespa velutina. A especie invasora espállase por toda Galicia desde que aparecera aló por 2012. Afecta de xeito especial ao norte das provincias da Coruña e Lugo e ao sur da de Pontevedra, pero coloniza xa totalmente os dous territorios atlánticos e avanza cara ao interior. A maior concienciación social, a proliferación de trampas ou a mellora na implicación das administracións está a reducir o seu impacto, pero aínda é moi elevado. A vespa asiática segue aí e non vai marchar e un novo equipo da Universidade de Santiago (USC) investigará agora novos métodos para a "contención e control" desta praga, que supón xa o 6% da saída das emerxencias no país. 

A Deputación da Coruña financia un equipo multidisciplinar para estudar estratexias baseadas na "loita biolóxica" contra a velutina 

Farao grazas a un convenio asinado entre a USC e a Deputación da Coruña este luns mediante o que o organismo provincial financia con perto de 140.000 euros un equipo multidisciplinar universitario no que se inclúen diferentes investigadores do ámbito da química, a bioloxía e a economía. Estudarán estratexias alternativas baseadas na "loita biolóxica" contra esta especie invasora. Xa que logo, e tendo en conta a hipotética vulnerabilidade da vespa asiática a certos parásitos de himenópteros galegos, traballarase na opción de controlar a praga a través da inoculación de parásitos autóctonos. De parásitos de avespas, abellas ou abellóns do país. 

A investigación buscará parásitos de avespas e abellas galegas que afecten a velutina sen prexudicar insectos autóctonos

A información obtida permitirá estimar a diversidade e abundancia de parásitos en diferentes especies de avespas e abellas e identificar se algún puidera ser patóxeno para a especie invasora e, polo tanto, susceptible de ser empregado para debilitar ou eliminar estas colonias. A gran vantaxe desta "ferramenta biolóxica" sería que non suporía ningún perigo para o resto da fauna galega ao ser organismos xa presentes no medioambiente. Evitaríase así unha das grandes eivas das masivas trampas que se colocan para capturar asiáticas, pero onde caen tamén insectos autóctonos. 

O reitor da USC, Juan Viaño, destacou que se trata dun proxecto único, que indagará en “solucións que aínda non se están investigando no mundo para loitar contra as especies invasoras, que supoñen a segunda causa de perda da biodiversidade a nivel global”. O equipo investigador traballará tamén na creación dunha cartografía da distribución espacial desta especie invasora para facilitar a prevención e erradicación, ao permitir focalizar os esforzos nas área xeográficas con maior risco. Ademais, esta información permitirá crear modelos estatísticos da evolución potencial da praga e da súa distribución baixo diferentes escenarios de cambio climático.

O estudo incluirá tamén unha avaliación do impacto socioeconómico da praga, cunha análise custo-beneficio das medidas propostas en comparación con beneficios atribuíbles ao seu uso. Inténtase así establecer redes e contactos con outras universidades a nivel mundial e búscase unha solución definitiva a unha praga contra a que se loita en diferentes frontes. 

A investigación únese á que se desenvolve na Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura

Este grupo de investigación únese así a outra que xa está a desenvolver a Universidade de Vigo en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que busca a obtención dos mellores métodos para acabar coa vespa asiática sen danar outros insectos autóctonos, ademais da captura de ducias de milleiros de raíñas, que servirán para a súa análise e para reducir o impacto da especie invasora. Está coordinado por Sandra Rojas, doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación na Universidade

Mentres, diversas administracións continúan colaborando na loita contra a velutina, retirando niños e buscando a mellor forma de alcanzar algunhas colonias situadas en lugares de difícil alcance. Mentres, empresas e particulares innovan ata atopar métodos tanto ou máis eficaces que os que promoven os recursos públicos

Sinatura do acordo entre Deputación e USC © Deputación da Coruña
Concellos con detección de niños de velutina a finais de 2016 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.