"Para nada son valente, foi máis ben unha fuxida. Sería máis valente quedar en Galicia"

Ana González e Antonio Cervera Dominio Público Praza Pública

Ana González e Antonio Cervera son dous galegos emigrados en Escocia, despois de traballar durante anos en Galicia no mundo da arte (Ana nun centro de arte; Antonio nas galerías compostelán C5 e Factoría, así como na famosa A Chocolataría). Nos seus primeiros tempos en Escocia traballaron en actividades afastadas das súas carreiras, principalmente no turismo, "como non, nesta cidade convertida por momentos en parque de atraccións", di Cervera.A casualidade xuntounos nos Meadows da cidade de Edimburgo e comezaron a realizar proxectos conxuntos.

Hai unhas semanas inauguraron Shrinking Cities. Expanding Landscapesun proxecto da Universidade de Edimburgo sobre novos urbanismos, "eses provocados pola especulación, por movementos migratorios imprescindibles que conlevan rúas baleiras". Eles comisarian a mostra, na que se presentan os traballos de tres creadores galegos: Carme Nogueira, Manuel Eirís ou Daniel Lema.

"Doeume ver a situación: todas as azafatas eramos licenciadas, con experiencia laboral no noso terreo, e de súpeto estabamos naquelas salas vendo como persoas con moita menos formación que nos estaban por riba"

En que momento decidides marchar a Escocia?

Ana Chouciño: Despois de levar cinco anos traballando no CGAC tiven que traballar como azafata nunha sala de exposicións. Doeume ver a situación: todas as azafatas eramos licenciadas, con experiencia laboral no noso terreo, e de súpeto estabamos naquelas salas vendo como persoas con moita menos formación que nós estaban por riba. Nada novo… pero pensei que para estar así mellor ir ao estranxeiro e aprender inglés.

Antonio Cervera: A decisión chegou por casualidade. Aínda que un ten na cabeza a posibilidade de trasladarse ao estranxeiro para buscar saídas profesionais, realmente non o plantexa ata que se ve na necesidade de facelo. E desgraciadamente soe ser por necesidade. Despois dunha vida laboral intensa en Santiago de Compostela durante máis de dez anos, como avogado na Dirección Xeral de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia, e máis tarde como subdirector das galerías de arte C5 Colección, A Chocolataría e Factoría Compostela, foi o peche desta última o que propiciou a idea de ir ao estranxeiro a buscar un traballo que nin Santiago nin Galicia me podía a proporcionar.

Por que Escocia?

Ana: Había que marchar, a onde case era o de menos. Xuntáronse as casualidades. Tiña un amigo aquí, que xusto cando eu merquei os billetes atopou traballo en Barcelona. Pero xa non había marcha atrás… Ao comentarllo a xente, resultou que algún amigo de Santiago tiña coñecidos en Edimburgo. Puxéronme en contacto, axudáronme cando non tiña a ninguén e hoxe xa os considero a miña familia.

"Con 34 anos non me apetecía comezar totalmente desde cero, nunha cidade onde, aínda que as oportunidades sexan maiores, a calidade de vida é menor. O meu irmán levaba dous anos en Edimburgo e iso foi o que me axudo a decidirme pola capital de Escocia"

Antonio: A elección de Escocia tamén chegou por avatares do destino. A miña intención era ir a Londres, cidade na que xa pasara veráns traballando de camareiro e aprendendo inglés. Pero con 34 anos non me apetecía comezar totalmente desde cero, nunha cidade onde, aínda que as oportunidades sexan maiores, a calidade de vida é menor. O meu irmán levaba dous anos en Edimburgo e iso foi o que me axudo a decidirme pola capital de Escocia.

"Fállanos o inglés, moito máis do que pensamos, pero poñémoslle gañas e estamos ben formados. O nivel educativo español, polo menos ata agora, non tiña nada que envexar o británico"

Como nos ven? Como vos ven cando teñen que tratar con vós, ou traballar con vós?

Ana: Danse dúas situacións moi diferentes. Por un lado, creo que Escocia ten un problema coas axudas sociais. Para os europeos resulta moi dado conseguilas, o que crea un efecto chamada que ás veces pode ser perigoso. Hai xente que chega e que, antes que buscar traballos, xa está pedindo estes benefits. Hai que dicir que unha parte da comunidade española caracterízase por unha especial pillería para estes temas. Por suposto, esta non é a mellor carta de presentación. Pero por outra parte moitos de nós somos moi traballadores, sexa fregando pratos ou xa en postos mais cualificados. Fállanos o inglés, moito máis do que pensamos, pero poñémoslle gañas e estamos ben formados. O nivel educativo español, polo menos ata agora, non tiña nada que envexar o británico.

Antonio: Depende desde que perspectiva se mire e de que perfil de emigrante se estea a falar. Pero como regra xeral, vésenos como profesionais ben formados que traballan duro para conseguir as súas metas. O noso nivel de inglés é o que nos separa daqueles que se colocan antes en postos que no noso país nen sequera existen hoxe en día. En definitiva somos estranxeiros ocupando postos de traballo que terían que ser para eles, para os nativos. O receo existe, e vai en aumento xa que cada vez somos máis.

"En definitiva somos estranxeiros ocupando postos de traballo que terían que ser para eles, para os nativos. O receo existe, e vai en aumento xa que cada vez somos máis"

Que aprendestes neste tempo, dende a distancia, sobre vós?

Ana: Aprendín que cando me vin era totalmente inconsciente do que estaba facendo. Un amigo dicía que era valente por facer iso, pero para nada, foi máis ben unha fuxida. Para min sería máis valente quedar en Galicia neses intres, que marchar. Co tempo dinme conta de todo o que realmente implicaba: romper cunha vida para comenzar outra, desde cero, decatarse do que botas de menos á familia, e o máis difícil, o que eles te botan de menos a ti.

Antonio: Que son máis forte do que pensaba e que a excesiva protección faiche máis feble. As situacións límites póñenche a proba. A vulnerabilidade de non entender ao cen por cen un idioma agudiza o enxeño e faiche estar sempre alerta. En definitiva, a madurar.

"Un amigo dicía que era valente por facer iso, pero para nada, foi máis ben unha fuxida. Para min sería máis valente quedar en Galicia neses intres, que marchar"

E sobre Galicia?

Ana: Soa a tópico, pero sorprendeume de que maneira os galegos levamos a terra dentro cando marchamos. Non era consciente cando estaba en Galicia; non me consideraba nacionalista, sentíame galega pero non pensaba que tiveramos grandes diferencias respecto ao resto de España. Pero foi chegar aquí, e, sen darme conta, rodearme de galegos. Cambia o sentido do humor, unha complicidade case asegurada cando coñeces a un galego. Por suposto relaciónome con xente de todos lados, pero ao estar con outro galego hai cousas que xa non son necesarias explicar, é falar 10 minutos e parecer que nos coñecemos de moito máis tempo. É algo difícil de explicar, un sentimento que non se relaciona tanto co político, como quizais pasa cos cataláns; é algo máis persoal. Somos diferentes, pero como me pasaba a min antes de marchar, moitas veces sen ser conscientes. E se algo falla en Galicia é ese sentimento de inferioridade que levamos cargando durante séculos, esa vergoña imposta aos meus avós cando falaban en galego que lles impide ver o especiais que son xustamente por falar esa lingua mellor que ninguén.

"Se algo falla en Galicia é ese sentimento de inferioridade que levamos cargando durante séculos, esa vergoña imposta aos meus avós cando falaban en galego que lles impide ver o especiais que son xustamente por falar esa lingua mellor que ninguén"

Antonio: Que a morriña lévase no sangue, e que cada vez a boto máis en falta. Galicia ten que abrirse ao mundo e valorarse máis do que se valora. A crise non é unha escusa para non loitar por evolucionar cara a algo mellor.

Como foi o encontro entre vós os dous?

Ana: Esta cidade é pequena e non quedaba outra que atoparse. Os que algunha vez viviron no estranxeiro saben o especial que é atoparse con alguén da túa terra cando non o esperas.  Antonio e máis eu estábamos fartos de atoparnos por Compostela adiante, pero nunca falaramos. Os cambios de contexto cambian o comportamento, e velo foi como atoparse cun gran amigo despois de anos. O dito, a complicidade cun galego está case asegurada, e con  Antonio non foi menos.

Antonio: Máxico. No medio dos Meadows (parque no centro de Edimburgo) baixo un orballo máis típico do noso querido Santiago. Naquel instante ambos nos transportamos ás marabillosas rúas de Santiago, aledañas á catedral.

Ademais desta exposición, que outros proxectos tedes?

Ana: Estou acabando un master de comisariado. Non vexo que a calidade deste master sexa excepcional comparado cos de España, pero si que é certo que aquí crúzanse máis posibilidades polo camiño. Foi por este master que me involucrei nesta exposición, e permitiume empezar a estudar un tema no que quero seguir traballando: eses espazos que xorden a marxe de calquera tipo de planificación urbana. Por outro lado, estou a colaborar co Forest Centre Plus, un novo espazo xurdido na cidade con apenas presuposto pero con moitas gañas no que xa creamos estudios para artistas e unha galería na que serei unha das encargadas da programación. E, por suposto, quero seguir traballando con Antonio na exposición que el explica, e coa que queremos construír unha ponte entre varias culturas, por suposto, unha delas será a nosa.

Antonio: A experiencia foi tan boa que estamos pensando en ter unha colaboración estable entre ambos. A próxima exposición será dentro do primeiro Festival Internacional de Cine Documental Iberoamericano en Edimburgo, IBERODocs, para o próximo abril, así como algún proxecto itinerante con intención de movelo por todo Reino Unido, non descartando Galicia. E por suposto volveremos contar con algún dos mellores artistas galegos.

"Outra cousa que aprendín aquí é que a vida da moitas voltas, pero non creo que volva. Hoxe en día é case unha utopía volver e traballar do meu, pero, por outro lado, sinto que aínda que as cousas melloren Galicia xa non é o meu lugar"

Credes posible volver a Galicia e traballar do voso?

Ana: Outra cousa que aprendín aquí é que a vida da moitas voltas, pero non creo que volva. Hoxe en día é case unha utopía volver e traballar do meu, pero, por outro lado, sinto que aínda que as cousas melloren ese xa non é o meu lugar. O dito, a terra lévase dentro, é moito máis que un espazo xeográfico. O que si que é unha pena é que a xente que queira volver, non poida.

Antonio: Non neste momento, pero que galego non pensar en volver nalgún momento á súa terra?

Ana González e Antonio Cervera Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.