Parque de Bens: De zona verde a circuíto automobilístico

Deseño dun dos circuítos e pistas para vehículos de motor previstas © Fundación Jorge Jove

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que cada cidade teña un rateo de, cando menos, entre 10 e 15 metros cadrados de zonas verdes por habitante. Hai cinco anos Compostela (21,6 metros cadrados por habitante), Pontevedra (19,86) situábanse claramente por riba do mínimo recomendado; A Coruña (11,8) e Lugo (11,3) atopábanse no intervalo suxerido; e Ferrol (9,6), Ourense (8,4) e Vigo (6,8) tiñan aínda deberes por facer. En xeral, as urbes galegas fixeron nos últimos anos un esforzo por mellorar as súas cifras, e aínda que habería que analizar outros factores cualitativos (coma o carácter centrico ou excéntrico destes espazos), o certo é que unha cidade coma A Coruña pasara de contar con 3,8 metros cadrados de zonas verdes en 2002 a triplicar esa cantidade unha década despois. 

En boa medida fíxoo grazas á delimitación de grandes áreas verdes nas aforas, coma punta Herminia, San Pedro e Bens. O parque de Bens, cunha superficie total de 390 mil metros cadrados, foi inaugurado en xuño de 2001 no lugar que ocupaba o antigo vertedoiro. "O Parque de Bens é proba viva do compromiso da cidade co desenvolvemento sostible", destácase na web do Concello, na que tamén se debullan outros datos, coma que o lugar suma "case 13 quilómtros de sendeiros para percorrer, 2000 m2 de estanques con patos, 230 puntos de luz, abundante mobiliario urbano". Unhas cifras que "revelan a firme aposta da Coruña por dotarse dun extraordinario espazo de recreo no que se conxugan a conservación e a recuperación da natureza coas actividades de ocio e aire libre propias dunha cidade moderna", engádese.

Porén, a pasada semana o Concello anunciaba a cesión de 107.000 metros cadrados de espazo público no parque de Bens á Fundación Jorge Jove para poñer en marcha o seu Museo da Automoción. Trátase dun proxecto nacido hai xa seis anos, cando o anterior goberno municipal asinou coa Fundación Jorge Jove o convenio para a construción deste museo. Un proxecto definido por Ángel Jove, presidente da Fundación Jorge Jove, como "unha opción de ocio cultural familiar" e cualificado polo alcalde Carlos Negreira como "un centro de referencia a nivel nacional e internacional" que converterá A Coruña "nun destino de primeiro nivel" e "nun centro de peregrinación para todos os amantes do motor".

Porén, o proxecto espertou xa numerosas críticas, principalmente das moitas persoas que utilizan este parque para correr, camiñar, andar en bicicleta ou pasear os seus cans. E tamén de persoas que non entenden que se ocupe unha parte importante dunha zona verde, dun espazo público, para instalar nela un proxecto deste tipo. "A construción deste museo supón a destrución de boa parte do mesmo, non só polo terreo que ocupará, senón pola alteración que entraña. Non nos opoñemos á construción do museo, senón a que se realice neste entorno verde do que tantos coruñeses gozamos", destaca unha petición online lanzada a pasada semana.

As voces críticas co proxecto subliñan que se finalmente se leva a cabo, deixará inutilizable a maior parte do parque

As voces críticas co proxecto subliñan que se finalmente se leva a cabo, deixará inutilizable a maior parte do parque, pois ademais dos 107.900 metros cadrados ocupados polo Museo, unha porción semellante do espazo verde permanecerá aínda uns anos pechada por motivos de seguridade referidos ao antigo vertedoiro e unha boa parte do parque restante pódese considerar inaccesible.

Na rede pódense consultar os detalles do proxecto de construción deste complexo, que vai máis aló dun só edificio ou dun espazo expositivo. De feito, o edificio principal ocupa soamente 20.000 dos 107.900 metros cadrados totais. Os restantes 87.900 metros cadrados corresponden a outra serie de instalacións moi afastadas do obxectivo de amosar "a evolución da automoción e a historia do século XX". Estas instalacións complementarias ao Museo "concibidas como espazo educativo, deportivo e de ocio" están formadas por un circuíto, un parque xuvenil, unha instalación deportiva todo terreo e unha pista técnica. 

Habilitarase "unha zona específica para a práctica de deportes en motocicletas, quads e 4x4, que na actualidade se atopa moi limitada por razóns medioambientais"

Lendo con detemento a descrición que se fai dos usos que terían todas estas instalacións, chégase á conclusión de que o espazo público que o Concello lle cede á Fundación Jorge Jove, no que se construirán tres circuítos automobilísticos, vai ter un aproveitamento privado e uns fins moi afastados de funcións educativas. O Circuíto, por exemplo, servirá para o "mantemento do patrimonio industrial dos fondos museísticos" pero tamén para "a realización de presentacións tanto de unidades adquiridas do Museo, coma a efectos comerciais de novas unidades que se incorporen ao mercado". Ou a Zona todo terreo, na que se habilitará "unha zona específica para a práctica de deportes en motocicletas, quads e 4x4, que na actualidade se atopa moi limitada por razóns medioambientais". Ou, finalmente, a Pista técnica, que servirá de "escola de condución", dirixida "tanto a profesionais coma a particulares" e que incluirá un circuíto handling, un circuíto deslizante e unha plataforma de exercicios dinámicos.

Carlos Negreira, xunto a un dos vehículos que formará parte do museo © Concello da Coruña
Parque de Bens Dominio Público Praza Pública
Plano do proxecto de construción do Museo da Automoción © Fundación Jorge Jove
Vista xeral do museo © Fundación Jorge Jove

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.