"Cumprimento íntegro da lei de medios", aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor. Foi e segue a ser esta a principal reivindicación do persoal da CRTVG mobilizado dende hai uns dous meses contra a "manipulación" e o control gobernamental da TVG e da Radio Galega. No seu noveno "venres negro", traballadores dos medios públicos galegos engadiron ás súas demandas a defensa da información local, logo de que nos últimos anos se pechasen xa delegacións en Pontevedra, Ferrol e A Mariña e despois de que a dirección anunciase a súa intención de suprimir as desconexións locais informativas que até o de agora tiñan o seu propio espazo.
O persoal da CRTVG engaden a reivindicación da información e as desconexións locais ao seu noveno "venres negro" contra a manipulación
"O servizo público da RG e a TVG inspírase, entroutros principios, 'na plena cobertura do conxunto do territorio'. Co peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña levamos oito anos de incumprimento", denuncia o persoal mobilizado na conta aberta (Defende a Galega) nas redes sociais. Segundo aseguran, "os informativos que se emiten nas desconexións locais favorecen o pluralismo, o debate democrático e a participación", polo que "eliminalos é silenciar actores fundamentais na vertebración do país".
Protesta na delegación da Radio Galega en Lugo durante o noveno venres negro / @DefendeAGalega
"Eliminar os informativos nas desconexións locais é silenciar actores fundamentais na vertebración do país"
Traballadores dos medios públicos galegos volveron vestir de loito e concentráronse este venres, tres semanas despois de que o director xeral da corporación pública, Alfonso Sánchez Izquierdo, ningunease estas protestas e negase "control político" nos informativos. A sede central de San Marcos e as diversas delegacións volvéronse tinguir de negro.
O persoal volveu difundir co cancelo #VenresNegro9CRTVG ducias de fotografías con vestimentas negras, ao que engadiron desta vez os hashtags #SenLocalNonHaiTele ou #SenLocalNonHaiRadio.
Traballadores dos medios públicos da delegación de Ourense, durante o noveno venres negro / @DefendeAGalega
O persoal volve preguntarse por que levan sete anos sen Consello de Informativos e incumprindo sistematicamente a maioría dos principios inspiradores da lei. As protestas comezaron pouco antes de que os dousu presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Beatriz Moyano, presentasen a súa dimisión en protesta polo control informativo da TVG.
Precisamente, Alfonso Hermida anunciou na súa conta de Twitter --xunto a unha foto coa súa compañeira Moyano--, que "posiblemente" o deste venres sería o último telexornal que presentarían ambo os dous xuntos. "É un pracer acompañar a Tati Moyano no plató. Mais o é acompañala no compromiso por un xornalismo plural e independente", di o xornalista.