"Pouco a pouco a xente descobre que hai alternativas ás grandes e vaise sumando"

Som Energia supera os 19 mil socios e socias en todo o Estado Dominio Público Praza Pública

A cooperativa de xeración e distribución de electricidade Som Energia celebrará o vindeiro 9 de maio a súa asemblea anual, que deseñará o futuro dun proxecto en crecemento que xa conta con máis de 19 mil socios e socias en todo o Estado, sobre todo en Cataluña, onde naceu esta iniciativa. Un dos puntos máis destacados do encontro será a proposta de autoprodución eléctrica colectiva Generation Kwh. A asemblea celebrarase simultaneamente en 15 localidades, e en Galicia -onde a cooperativa ten máis de 250 socios e socias- terá como escenario o local da empresa de software libre Igalia.  

O proxecto de Som Energia naceu hai anos (ao igual que outras cooperativas semellantes, coma Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, GoiEner, Zencer ou Enerplus) alimentado por varios factores, dende o constante incremento de prezos eléctricos, os abusos dun sistema empresarial oligopólico e con relacións opacas e inxustas co poder político, e tamén o desexo de consumir enerxías limpas e de ter voz e voto sobre a propia produción xestión da enerxía. Unhas e outras iniciativas van crecendo, de vagar, atraendo cada vez máis persoas a estas fórmulas alternativas de xeración e consumo.

"A maior parte da xente que se achega a cooperativas coma a nosa procede do mundo ecoloxista ou ten experiencia con entidades da economía social. Non o fan tanto polo continuo incremento de prezos da electricidade coma por outras motivacións"

Daniel Espiñeira, un dos impulsores do grupo galego, destaca que cada mes incrementan o seu número de socios e socias en Galicia nunhas 5 ou 10 persoas, nunha tendencia sempre crecente, como tamén sucede en Nosa Enerxía. "Todas suman. Pouco a pouco a xente vai coñecendo que hai alternativas ás grandes e vaise incorporando", destaca. "A maior parte da xente que se achega a cooperativas coma a nosa, procede do mundo ecoloxista, de asociacións de consumidores, ou ten experiencia con entidades da chamada economía social. Non o fan tanto polo continuo incremento de prezos da electricidade, coma por outras motivacións", explica. "Ofrecemos os mellores prezos do mercado? Si, porque aínda que temos menos marxe, non temos ánimo de lucro, e só temos algúns pequenos gastos de sostemento da cooperativa. Con todo, o aforro que ofrecemos non está tanto no prezo, coma en propostas que realizamos en cuestións de eficiencia enerxética, temas nos que ofrecemos asesoramento", engade.

Ademais da aprobación das contas anuais da cooperativa, a asemblea deberá debater e votar un proxecto de autoprodución colectiva de electricidade, Generation Kwh, que busca implicar os socios e socias no impulso de proxectos de xeración, para ofrecer unha alternativa colectiva que sirva para superar os obstáculos á autoxeración creados polas modificacións normativas do Goberno central e a retirada de incentivos aos proxectos renovables. Cada persoa pode facer un investimento, entre os 100 e os 2.000 euros, en función do seu consumo eléctrico, que recuperará en forma de enerxía producida por métodos sustentables e non contaminantes (fotovoltaica, eólica, minihidráulica), obtendo unha rebaixa cada mes na súa factura da luz. Calcúlase que, mesmo nas difíciles condicións impostas actualmente ás renovables, poderá recuperar o seu investimento en menos de 25 anos.

"Dado que a maior parte dos nosos socios e socias viven en pisos, e non poden instalar unha placa ou un pequeno muíño, decidimos traballar na liña da autoprodución colectiva"

"En Galicia non temos aínda proxectos de produción, entre outras cousas porque este tipo de proxectos se viron moi dificultados polos cambios normativos recentes", explica Daniel Espiñeira. "Generation quere seguir creando novas plantas de produción que sexan rendibles. Pero dado que agora mesmo coas fórmulas habituais do mercado é difícil acadar esta rendibilidade, escóllese esta outra fórmula, consistente en producir para os socios e socias", di. Trátase de seguir fomentando a autoprodución e o autoconsumo, outro dos obxectivos da cooperativa. Pero dado que a maior parte dos nosos socios e socias viven en pisos, e non poden instalar unha placa ou un pequeno muíño, decidimos traballar na liña da autoprodución colectiva", subliña.

Na asemblea tamén estará presente o conflito xerado polo proxecto de construción dunha liña de alta tensión en Lalín, que ameaza a fraga de Catasós. O grupo galego introducirá unha proposta para levar a cabo unha acción de apoio e solidariedade coa plataforma Salvemos Catasós na súa loita pola defensa da fraga das Casas Vellas. Os 15 grupos locais da cooperativa en toda España tirarán unha foto mostrando os cartaces da plataforma Salvemos Catasós, que lle remitirán posteriormente ao grupo galego, para a súa difusión polas redes sociais.

 

Proxeccións simultáneas de #OligopolyOFF

O grupo galego introducirá unha proposta para levar a cabo unha acción de apoio e solidariedade coa plataforma Salvemos Catasós

Tres días antes da asemblea, o vindeiro 6 de maio, Som Energia participa na organización dunha proxección colectiva do documental #OligopolyOFF, un filme de 90 minutos realizado pola Plataforma por un Nuevo Modelo Energético e dirixido por Alba del Campo. #OligopolyOFF divide os seus mais de 90 minutos en tres capítulos. Viaxa desde o problema da pobreza enerxética, a través dos distintos conflitos que xera a actual política enerxética no territorio español, ás alternativas cidadás que están a traballar por avanzar na necesaria transición renovable e na democratización da enerxía.

A orixe do documental está nunha reportaxe emitida no programa Salvados, de Jordi Évole: “Oligopoly: el juego de la energía“, que fixo que moitas persoas comezasen a tomar conciencia do problema do oligopolio enerxético que representa UNESA, onde participan unicamente as cinco grandes empresas eléctricas que dominan o mercado eléctrico. A reportaxe foi continuada polo documental Oligopoly2. El imperio eléctrico contra todxs, que afondaba sobre as eivas estruturais do noso sistema enerxético. E agora por este novo filme. En Galicia poderase ver en 15 cidades e vilas, nos seguinte lugares e horarios:

O 6 de maio levarase a cabo unha proxección colectiva en 15 cidades e vilas galegas do documental #OligopolyOFF, realizado pola Plataforma por un Nuevo Modelo Energético

  • A Coruña, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga 6, baixo) ás 19h
  • Allariz, no C.S.A. Cambalhota (Rúa do Castelo 10) ás 19h
  • Betanzos, na Libraría Biblos (Rúa Santiago 4) ás 19h
  • Boiro, no Centro Social de Boiro (Poeta Manuel María s/n) ás 20h
  • Carballo, na Biblioteca Rego da Balsa (Rúa Bos Aires) ás 19h
  • Ferrol, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204) ás 19h
  • Foz, na Casa da cultura de Foz (Rúa de Lugo 1) ás 19h
  • Lalín, no  I.E.S. Laxeiro (Avd. Buenos Aires, 71) ás 19h
  • Lugo, en Bico de grao (Ronda das Fontiñas 226) ás 19:30h
  • Rianxo, no Auditorio (Autores da Rianxeira, s/n) ás 19h
  • Ribadeo, no Amodiño Tenda Bar (Rúa Amando Pérez 8) ás 19h
  • Ribeira, no Ateneo Valle-Inclán (Praza de Compostela 11) ás 20h
  • Santiago de Compostela, no local de Compostela Aberta (Praza do Toural) ás 19h
  • Vigo, no Centro Cívico de Teis (Rúa Maceiras s/n) ás 20h
  • Vilar de Santos, na Arca da Noe (Rúa do Forno 13) ás 19h
Som Energia supera os 19 mil socios e socias en todo o Estado Dominio Público Praza Pública
Asemblea de Som Energia, celebrada en xuño de 2014 Dominio Público Som Energia
A cooperativa lanza a campaña 'Generation Kwh' Dominio Público Som Energia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.