O Congreso rexeitou este xoves a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois, que en 2013 provocou a morte de 81 persoas. A iniciativa de En Marea contou con 132 votos a favor (Podemos e confluencias, Ciudadanos e outros grupos) fronte a 199 votos en contra (PP e PSOE) e unha abstención. O resultado da votación foi recibido con berros de indignación por parte dun grupo de representantes das vítimas que seguían o debate dende a tribuna da cámara e que foron desaloxados polas súas protestas.
Na súa intervención previa, Alexandra Fernández denunciara xa o “pacto de silencio” de populares e socialistas que, dixo, levan “tres anos negando a creación desta investigación”. A portavoz de En Marea comezou lendo unha carta da Plataforma Víctimas Alvia 04155 na que os afectados e afectadas denunciaban “o trato humillante que estamos recibindo por parte das institucións públicas”.
No texto, a Plataforma tamén se dirixía ao voceiro do PP, Rafael Hernando, sinalando que "ás vítimas non nos manipula nin utiliza ninguén", como afirmou o político popular a pasada semana. No debate Hernando reiterou esta acusación de "utilización política das vítimas", dirixíndose a Alexandra Fernández. "Vostedes non veñen aquí a pedir responsabilidades políticas. Vostedes veñen aquí unica e exclusivamente a buscar réditos políticos en base á desgraza de moitas persoas", afirmou Hernando, que aproveitou para introducir unha referencia ao terrorismo e á intervención de Arnaldo Otegi no Parlamento europeo, momento en que foi interrumpido polo presidente do Congreso, que lle pediu que se cinguise ao tema obxecto de debate. O voceiro parlamentario do PP conluíu afirmando que "eu nunca vou buscar obter réditos políticos das vítimas".
Fernández salientou que “os recortes e a corrupción matan”
Fernández salientou que “os recortes e a corrupción matan”, en referencia non só a este sinistro, senón tamén aos desafiuzamentos, á pobreza enerxética e a Hepatite C. A deputada sinalou que “o accidente de Angrois é outro caso no que os recortes e a corrupción mataron a 81 persoas e deixaron 140 feridos” e destacou que foi provocado por “decisións políticas que teñen responsables políticos”, sinalando tanto a José Blanco coma a Ana Pastor e os responsables de Renfe e ADIF no momento da traxedia e nos anos anteriores. A portavoz de En Marea concluíu que este caso “recorda demasiado ao Prestige”, ao non haber “ningún responsable político para un cúmulo de decisións políticas neglixentes” e tamén pola teima na “culpabilización das vítimas”. “Queremos unha comisión de investigación independente para que non volva pasar nunca máis”, concluíu.
A portavoz de En Marea concluíu que este caso “recorda demasiado ao Prestige”, ao non haber “ningún responsable político para un cúmulo de decisións políticas neglixentes”
Segundo comentou no estrado, Alexandra Fernández tiña o encargo (realizado pola asociación de vítimas) de entregarlles a Mariano Rajoy e a Pedro Sánchez o documental Frankenstein 04155 (que afonda nas causas do sinistro), pero non puido facelo porque os líderes de PP e PSOE “non estaban no debate no pleno sobre o Alvia”, engadiu a través de twitter. Finalmente, Sánchez e Rajoy si que chegaron a tempo para votar.
Na pasada lexislatura, os intentos de crear esta comisión de investigación chocaron co bloqueo dos dous partidos maioritarios, cun Partido Popular que sempre votou non e un Partido Socialista que se abstivo as máis das veces, negándose a apoiar as iniciativas presentada polo BNG e a Esquerda Plural. A diferenza é que nesta ocasión, cun PP sen maioría absoluta, unha abstención dos socialistas tería permitido a creación da comisión.
No debate deste xoves Andrés Ayala (PP) cualificou de "demagóxica" a proposta de creación da comisión de investigación e rexeitou apoiala, aludindo á "separación de poderes" e a que o caso está a ser estudado pola Xustiza. O PSOE, a través de Juan Luis Gordo, tamén xustificou a súa negativa a crear esta comisión en que a vía xudicial segue aberta e consideran que “non sería bo” interferir a través da actividade dunha comisión parlamentaria de investigación. Un argumento que xa foi respondido dende a Plataforma de Vítimas, que considera que a investigación xudicial debe aclarar as responsabilidades penais, mentres que a do Congreso axudaría a afondar nas responsabilidades políticas, como xa sucedeu noutros casos semellantes. Juan Luis Gordo afirmou, con todo, que "o PSOE sempre estivo do lado das vítimas" e rexeitou apoiar a creación da comisión afirmando que a proposta ten "fins electorais".
Ante a protesta dos familiares das vítimas que acudiran ao Congreso, o presidente, Patxi López, ordenou o seu desaloxo entre os aplausos dalgúns parlamentarios. Así se pode ver neste vídeo.